O Goberno central contéstalle ao BNG que non vai haber nova escola infantil
A Coruña, 5 de abril de 2015- A escola infantil anunciada nun BOE de 2011 ao abeiro do Plan Educa 3 non está nin se lle espera. Así o sinala a concelleira do BNG María Xosé Bravo, que critica a opacidade do Goberno do Sr. Negreira ao respecto. Foi esta opacidade a que levou o Bloque a presentar no Congreso unha pregunta para a resposta escrita para saber que aconteceu coa citada escola.
A resposta do Goberno central vén confirmar os temores do BNG: a escola non se construirá. Así o sinala o Ministerio cando di que en virtude dos datos dos que dispón o Goberno, achegados pola Comunidade Autónoma de Galiza, foi executado un importe non superior ao 25% das actuacións do citado plan, non constando documentación xustificativa das escolas da Coruña e Ourense.
Lembra María Xosé Bravo ao respecto que a escola foi anunciada no BOE de 4 de febreiro de 2011 e tamén no BOE de 6 de febreiro de 2012. En virtude dos convenios aos que aluden os BOE creáronse escolas infantís en Galiza, mais a escola da Coruña, como vén de confirmar o Goberno central, non será unha realidade.
Neste contexto, o BNG presentará iniciativas no Parlamento e no propio Concello para que se recupere esta escola que, insiste Bravo, chegou a estar anunciada no BOE. A propia conselleira coruñesa Beatriz Mato explicara na súa primeira visita oficial ao Goberno do Sr. Negreira que a escola cuxo emprazamento nunca se chegou a coñecer- se construiría con 328.000 euros municipais e co millón de euros que achegaría o Ministerio de Educación a través do Plan Educa.
De 8 escolas a ningunha
O BNG lembra que o Sr. Negreira recollía no programa electoral co que se presentou aos comicios de 2011 a construción de oito escolas infantís na Coruña. Porén, en catro anos, non proxectou ningunha, xa que a escola infantil da Agra do Orzán recentemente inaugurada xa estaba recollida no Urbana C co anterior Goberno municipal.
O único que fixo o Sr. Negreira foi transferir á rede pública municipal a escola Carme Cervigón, que segue a ser propiedade da Fundación Padre Rubinos. Así, o Concello da Coruña pasou de ofertar 650 prazas en escolas infantís a ofertar 732 (contando as 82 prazas da escola infantil municipal da Agra), tan só 12% máis en catro anos. No que respecta á escola infantil que está a construír a Fundación Amancio Ortega na Sardiñeira, as nacionalistas lembran que a titularidade vai ser galega e non municipal.