Paro: o Sr. Negreira deixou sen executar o 60% do orzado para cursos de formación para emprego
A Coruña, 6 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o impacto do desemprego que, segundo os datos publicados hoxe, ascende a 22.030 persoas (cifra que non contempla nin as persoas que se viron na obriga de emigrar nin que as que deixan de anotarse nos Servizos Públicos de Emprego por teren esgotada a prestación)- podería ser menor se o Goberno do Sr. Negreira apostase por políticas de emprego e polo impulso dos sectores estratéxicos da Coruña. As nacionalistas critican que o Goberno do Sr. Negreira considera o diñeiro público en emprego e comercio como un gasto que hai que aforrar, e non como un investimento.
Así, o BNG sinala que o Sr. Negreira deixou sen executar o 60% dos cartos orzados para os cursos de formación para o emprego. Tal e como reflicten os datos relativos á liquidación orzamentaria de 2014, dos 1.003.761,63 euros orzados en cursos de formación para o emprego o Goberno local deixou sen gastar máis de 600.000 euros.
Ademais, a liquidación orzamentaria 2014 tamén volveu deixar sen executar cáseque metade do orzamento previsto para o plan de dinamización do comercio local. En concreto, deixou sen gastar máis de 445.000 dos 937.944,50 euros orzados cando a situación do comercio nos distintos barrios da cidade é realmente complicada, logo das políticas aplicadas nestes últimos anos polas distintas administracións gobernadas polo Partido Popular.
As mulleres, novamente as máis prexudicadas
Por último, o Grupo Municipal do BNG sinala que, máis unha vez, as mulleres pagan a crise, pois volven atoparse en peor situación que os homes. Así, das 22.030 persoas no desemprego, 10.265 son homes e 11.765 son mulleres.