A feira taurina carece de afección e só se sostén con cartos públicos

A feira taurina carece de afección e só se sostén con cartos públicos

A Coruña, 26 de novembro de 2012.- A concelleira do BNG, María Xosé Bravo, e o responsábel de Galiza Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, debullaron esta mañá en rolda de prensa as cifras das touradas, un negocio para a empresa por conta das subvencións municipais. Tanto Bravo como Pérez puxeron de manifesto, cos datos na man, que a feira taurina non ten afección ningunha e que se sostén, só, con fondos públicos.

A edila do BNG, que tivo acceso á consulta do expediente relativo ás touradas, desmontou as mentiras do Goberno municipal, quen negara subvencións directas, e revelou que se gastaron 38.014 euros en axudas directas á feira taurina deste verán, unha cantidade á que habería que sumarlle os gastos indirectos que asumiu o Concello, como son a seguridade, a limpeza, a enerxía eléctrica, o persoal de venda de entradas ou o aluguer do Coliseum.

A continuación, Bravo deu conta das entradas e dos abonos vendidos e mais dos convites agasallados. Puxo como exemplo o primeiro día de touradas, cun total de 1.140 entradas vendidas (inclúense nestes 1.140 entradas os 591 abonos), con 1.919 convites agasallados e cunha recadación de 31.005 euros.

A concelleira do BNG salientou que estes datos demostran que non existe afección pola feira taurina na Coruña e que o único xeito de facer que a xente vaia ás touradas é mediante o agasallo de convites. Tamén destacou que a inmensa maioría poboación considera que as touradas son un espectáculo bárbaro e unha tortura que non se deben permitir e, moito menos, non deben ser financiadas con fondos públicos.

Bravo propón que os 38.041 euros vaian destinados ás compañías de teatro ou ás asociacións culturais da cidade

Bravo aludiu na rolda de prensa á comparación entre touradas e teatro e danza que fixera a concelleira de Cultura, Ana Fernández. "As touradas nin son un espectáculo festivo nin son cultura e, para máis, carecen de tradición en Galiza, non teñen ningunha afección, tal e como demostran os datos que vimos de coñecer, e están, completamente, pasadas de moda", sinalou.

Fronte aos 38.041 euros en axudas directas ás touradas, Bravo, que cando tiña responsabilidades parciais no Padroado do IMCE sempre votou en contra das touradas, propúxolle á concelleira de Cultura que destine estes cartos públicos ás compañías de teatro e de danza, a asociacións culturais da cidade ou, mesmo, a incrementar os fondos do convenio coa Fundación Luís Seoane.

Galiza, Mellor sen Touradas calcula que a feira taurina lle custou ao conxunto da cidadanía uns 90.000 euros

Pola súa banda, Rubén Pérez comezou a súa intervención criticando que o Goberno do Sr. Negreira lle negou á organización da que é responsábel o acceso á documentación sobre o número de entradas vendidas e de convites agasallados pola empresa. O presidente de Galiza, Mellor sen Touradas calculou que á marxe dos 38.014 euros en axudas directas, o Concello gastou entre 50.000 e 52.000 euros en subsidios indirectos, "o gasto total estimado é de 90.000 euros".

Ademais, Rubén Pérez puxo de manifesto o retroceso da xa de por si nimia afección pola feira taurina na Coruña. En relación ao 2011, este ano vendéronse un 39% menos de abonos e un 15% menos de entradas e, pola contra, aumentaron un 28% os convites. En total, a asistencia reduciuse entre un 19 e un 20%, denunciou.

Á vista destes datos, tanto a concelleira do BNG como o responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas esixiron, unha vez máis, suprimir todo tipo de axudas ás corridas de touros e que as taxas se lle cobren de xeito efectivo á empresa concesionaria.

 

 

A feira taurina carece de afección e só se sostén con cartos públicos