O Estado volve recortar a subvención concedida ao Concello para o transporte urbano
A Coruña, 30 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Ministerio de Economía e Facenda volveu reducirlle a subvención ao Concello da Coruña polo servizo de transporte urbano en 2012, un 36% menos respecto da cantidade que lle outorgou no 2011. Así, este ano o Concello ingresará por este concepto 1.423.688,18 euros, cando o ano pasado recibiu 1.934.824,44 euros e no 2010, 2.093.748,74 euros. E isto, indican os nacionalistas, malia que A Coruña é das cidades do Estado en que a variábel da subvención en función do déficit de explotación do servizo (déficit billete) é maior, en concreto a quinta por detrás de Sevilla, Cádiz, Zaragoza e Granada. Ademais, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a previsión de ingreso coa que contaba o Concello por esta subvención nos orzamentos do ano 2012 era de 1.900.000 euros, é dicir, 476.312 euros máis do que realmente vai ingresar.
Os nacionalistas explican que a conta desta subvención se estabelece en función da documentación que remitiu o Concello e que contén os datos de xestión do servizo (resultados de explotación da concesionaria) e das subvencións municipais á Compañía de Tranvías. Precisamente, a documentación remitida polo Concello é o expediente que o Goberno municipal lle impediu consultar o ano pasado ao Grupo Municipal do BNG e que provocou que o Goberno do Sr. Negreira for condeado polos tribunais por vulnerar os dereitos fundamentais dos concelleiros nacionalistas.
Os nacionalistas lamentan que o Estado lle reduza a subvención ao Concello para transporte urbano á vez que o Goberno do Sr. Negreira decidira aumentarlle as axudas á Compañía de Tranvías, permitindo, así, que a empresa conte con beneficios millonarios e que aumente no 2013 o prezo do billete, nomeadamente, o bonobús social, con subas de até o 11% respecto ao billete de 2012.
O Grupo Municipal do BNG insiste en revisar a concesión da Compañía de Tranvías, sobre todo, a fórmula polinómica coa que se calculan as tarifas. Só así, salienta o BNG, se acabará con esta sangría que vai directa aos petos da cidadanía.