O Goberno local previra ingresar 1,9 millóns de subvención polo bus e recadará, finalmente, 1,4
A Coruña, 1 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a explicar que ten pensado facer para corrixir o desfase de 476.312 euros derivado do recorte da subvención do Ministerio de Economía e Facenda polo servizo de transporte urbano. Precisamente, os orzamentos de 2012 recollían unha previsión de ingresos por este concepto de 1.900.000 euros e o que se ingresará, finalmente, serán 1.423.688,18 euros, un 36% menos que o ano anterior.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os orzamentos de 2013 tamén recollen unha previsión de ingresos por esta subvención de 1.900.000, cando é obvio, vistos os recortes dos últimos anos, que as axudas do Ministerio de Economía e Facenda serán menores. Mentres que no 2010, A Coruña recibía 2.093.748,74 euros, no 2011 a cantidade reduciuse a 1.934.824,44 euros e no 2012 o recorte aínda foi maior, con 1.423.688,18 euros. Á vista destas cifras, os nacionalistas instan o Goberno municipal a dar unha solución ante a previsión dos orzamentos de 2013 de ingresar por este concepto 1.900.000 euros.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que a redución desta subvención non casa co feito de que A Coruña é das cidades do Estado en que a variábel da subvención en función do déficit de explotación do servizo (déficit billete) é maior, en concreto, é a quinta, por detrás de Sevilla, Cádiz, Zaragoza e Granada.
Os nacionalistas explican que a conta desta subvención se estabelece en función da documentación que remitiu o Concello e que contén os datos de xestión do servizo (resultados de explotación da concesionaria) e das subvencións municipais á Compañía de Tranvías. Neste contexto, lamentan que o Estado lle reduza a subvención ao Concello para transporte urbano á vez que o Goberno do Sr. Negreira decidira aumentarlle as axudas á Compañía de Tranvías, permitindo, así, que a empresa conte con beneficios millonarios e que aumente no 2013 o prezo do billete, nomeadamente, o bonobús social, con subas de até o 11% respecto ao billete de 2012.