EMVSA destina máis da metade dos gastos previstos para 2014 en contratar servizos externos

EMVSA destina máis da metade dos gastos previstos para 2014 en contratar servizos externos

A Coruña, 15 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que, malia o delicado estado das contas de EMVSA, a empresa municipal destinará máis da metade dos seus gastos previstos para 2014 en externalizar servizos. Dos 3.101.130 euros de gastos que recollen as contas de EMVSA para o ano que vén, o 57%, un total de 1.781.245 euros, corresponden á partida “Servizos profesionais independentes”.

O Grupo Municipal do BNG considera un disparate esta externalización de servizos e contrato de asesorías, máxime cando a última memoria de xestión de EMVSA advirte de que esta empresa pública precisa de financiamento adicional. De feito, nas contas anuais sinálase que a a situación económica actual e mais as dificultades de acceso a financiamento están a xerar incerteza. Lembra o BNG que a Dirección de EMVSA chegou a considerar na memoria de xestión un posíbel proceso de reestruturación da sociedade.

A delicada situación económica de EMVSA está causada polas múltiples e variadas xestións que lle encomenda o Goberno do PP: construción e explotación do aparcadoiro do Oncolóxico, construción do aparcadoiro da praza das Conchiñas, a realización da revisión do PEPRI ou o aluguer de Bicicoruña. A isto engádeselle a encomenda de xestión de multas por infraccións de tráfico do Concello da Coruña.

As contas de EMVSA para 2014 non reflicten a encomenda de xestión para a construción e explotación do aparcadoiro do Oncolóxico

Pola outra banda, o BNG chama a atención sobre o feito de que as contas de EMVSA para 2014 non reflictan a encomenda de xestión dos traballos de estudo, promoción, construción e explotación do aparcadoiro do Oncolóxico. Lembra o BNG que en virtude do aprobado en Xunta de Goberno Local de 20.09.2013, o PP obrigou a EMVSA a asumir o cento por cento dos gastos de construción e explotación deste equipamento.

 

EMVSA destina máis da metade dos gastos previstos para 2014 en contratar servizos externos