O BNG denuncia as irregularidades do contrato da rede semafórica
A Coruña, 15 de novembro de 2013.- A Xunta de Goberno Local aprobou, na mañá de hoxe, a anulación parcial da autorización de gasto para financiar o concurso de xestión, mantemento e reparación da rede semafórica do Concello e de apoio á xestión e explotación da sala de control de tráfico. Aos ollos do BNG esta anulación parcial da autorización de gasto responde á falta de previsión e de axilidade na xestión do Goberno do PP.
O BNG pon de manifesto que a contratación deste concurso foi publicado no perfil do contratante (AS47/2013) o 21.08.2013, coa data límite de recepción de oferta e solicitudes de participación de 30.09.2013. Foi o 14.10.2013 cando tivo lugar a apertura de sobres técnicos e a data prevista de inicio da execución do contrato era o 01.11.2013. Porén, a día 15.11.2013 o contrato está aínda en fase de valoración das propostas técnicas, polo que non puido iniciarse a execución do contrato na data prevista.
As nacionalistas advirten ademais de que no expediente que foi a Xunta de Goberno Local recóllese que a la vista del tipo de contratación, la fase de valoración de ofertas en la que nos encontramos y los procedimientos pendenties hasta su formalización, debemos volver a plantera la fecha de inicio efectivo de la contratación, no pudiendo ser esta, en ningún caso, antes del próximo 16 de diciembre de 2013. Así, as irregularidades neste contrato, que volven poñer en evidencia a pésima xestión do PP, provocan que non se poderá executar a contratación antes de mediados de decembro.