O BNG leva a Pleno unha batería de iniciativas para acabar co copago de medicamentos
A Coruña, 15 de novembro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo presentou esta mañá en rolda de prensa unha batería de iniciativas que as nacionalistas levarán a Pleno co obxectivo de acabar co copago en medicamentos para doentes graves e crónicos, un copago que mata, en palabras da edila nacionalista, que advertiu de que este novo imposto ás enfermidades atenta contra persoas enfermas de leucemia, cancro de mama, cancro de ril, hepatite C, sida, esclerose múltiple o de tumores cerebrais, así como contra as persoas que precisan medicamentos para a reprodución asistida ou artitre reumatoide, entre outras.
Así, na sesión plenaria que terá lugar este luns, o BNG formulará unha pregunta oral para saber se o Concello da Coruña asumiría o copago en medicamentos mentres o Goberno central non derrogue a inxustísima resolución da que é culpábel a actual secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Goberno central, Pilar Farjas, a ex concelleira do PP na Coruña.
Ademais, as nacionalistas levan a Pleno unha moción na que piden que o Concello emprace a Xunta de Galiza a demandar do Estado a derrogación da resolución do 10 de setembro de 2013; que a Xunta de Galiza non aplique esta resolución no noso país, como xa fixeron comunidades autónomas como Castilla y León, Asturias, As Canarias ou Euskadi, e que o Concello asuma o copago en medicamentos mentres a Xunta de Galiza teime en aplicar a resolución ideada pola Sra Farjas e mentres o Goberno central non derrogue esta medida que ataca as persoas máis débiles.
O PP desestimou a reclamación do BNG ao modificativo de crédito co fin de que os 302.000 euros do IMCE fosen destinados a asumir o copago
Tamén irá a Pleno a aprobación definitiva do modificativo de crédito, que contará co voto en contra das nacionalistas, despois de que o Partido Popular desestimara a reclamación do BNG para que os 302.000 euros do IMCE fosen transferidos á partida de emerxencia social, co fin de que o Concello da Coruña puidese asumir o copago de medicamentos de persoas doentes graves e crónicas.
Na rolda de prensa, a edila do BNG lembrou que o desmantelamento da sanidade pública por parte do PP tamén incide na nosa cidade, onde o Abente y Lago segue con 25 camas pechadas malia que os pacientes se amorean nas Urxencias do Chuac.
Neste contexto, María Xosé Bravo reivindicou que A Coruña se adhira ao espírito de Riotorto, unha corrente de resposta nacida en Riotorto, o primeiro Concello, gobernado polo BNG, e chamou a cidadanía a se sumar á manifestación nacional da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública contra o copago de medicamentos, unha mobilización convocada para este domingo en Compostela (con saída da Alameda ás 12h). Temos que nos rebelar para que a sanidade non sexa un artigo de luxo, concluíu.