Desaparecen os maiores índices de contaminación na web da Autoridade Portuaria
A Coruña, 28 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG amosa o seu estupor ao comprobar que a páxina web da Autoridade Portuaria carece dos datos dos niveis de emisións de partículas en suspensión PM10 de 15h a 17h do 26 de setembro, cando se superaban os 200 ug/m3. Precisamente, o 26 de setembro, pasadas as 17h, o Grupo Municipal do BNG enviaba un comunicado de prensa para advertir de que a emisión de partículas transcendía os 200 ug/m3 (203 ug/m3 ás 15h, 161 ug/m3 ás 16h e 206 ug/m3 ás 17h), cando o real decreto 102/2011 estabelece que non poderán superarse os 50 ug/m3 en máis de 35 ocasións por ano.
Curiosamente, desde a noite pasada, desapareceron das táboas que reflicten as medicións de PM10 xusto esas tres horas en que o nivel acadara até os 206 ug/m3. Ás 15h, 16h e 17h do día 26 de setembro, pódese ver un oco branco na táboa tanto na web como na gráfica http://cma.puertocoruna.com/intranet/instrumentacion/ControlEmisiones/ieCaptadorEmisiones.aspx
O Grupo Municipal do BNG leva meses denunciando a alta emisión de partículas en suspensión que hai no barrio dos Castros en base aos datos que fornece a web da Autoridade Portuaria sen que o Goberno do Sr. Negreira se teña pronunciado ao respecto. Ante esta desaparición pananormal, que as nacionalistas agardan se trate dun erro casual, o BNG empraza o alcalde a se poñer en contacto do seu amigo presidente da Autoridade Portuaria, co que asina contratos millonarios que benefician o Porto en detrimento do noso Concello, para lle esixir explicacións.
O Grupo Municipal do BNG espera que a desaparición dos rexistros das emisións máis altas non sexa ningunha acción premeditada da Autoridade Portuaria, pois, daquela, cabería esperar calquera tipo de manipulación dos datos de cara a realizar as medias anuais (non poderán superarse os 50 ug/m3 en máis de 35 ocasións por ano).