Os contratos laborais son precarios e temporais e Negreira segue cos brazos cruzados
A Coruña, 15 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG salienta que os datos da Seguridade Social volven poñer de manifesto a precarización dos novos contratos de traballo e, malia isto, o Goberno do Sr. Negreira segue a renunciar a aproveitar o potencial do Centro Municipal de Emprego e segue sen publicar a convocatoria dos cursos de formación para persoas desempregadas. Estes datos amosan unhas condicións salariais e laborais gravemente precarizadas, o que implica un menor consumo e un maior empobrecemento da xente.
Segundo os datos que vén de dar a coñecer o Servizo Público de Emprego Estatal, dos 8.105 contratos rexistrados no mes de marzo, un total de 7.264 foron temporais, o que representa un 89,6% do total. Tan só houbo 580 contratos indefinidos, o 7,2% do total, e 261, convertíbeis a indefinidos, un 32% do total. Estas cifras amosan a grande inestabilidade, fraxilidade e deterioramento laboral que sofre o pobo.
En canto a sectores, máis unha vez, volve ser o sector servizos o que abrangue o groso dos contratos rexistrados en marzo. Así, 7.136 contratos dos 8.105 están vinculados ao terceiro sector, un 88%. Ségueno a construción, con 473 contratos, un 5,81%; a industria, con 388 contratos, un 4,8%, e, por último, a agricultura, con 108 contratos, un 1,4%. As cifras por sectores reflicten que, amais de seren a meirande parte dos contratos temporais, pertencen na súa maioría ao sector servizos, un sector fortemente vinculado ao traballo estacional dada a época das vacacións da Semana Santa.
O BNG salienta a utilidade dos cursos de formación para o emprego tanto para as persoas con contratos temporais como para favorecer os postos de traballo fóra do sector servizos
O Grupo Municipal do BNG sinala que os datos coñecidos hoxe demostran a necesidade imperiosa de que o Goberno do Sr. Negreira convoque, de inmediato, os cursos de formación para persoas desempregadas. Estamos a mediados de abril e nada coñecemos dos cursos. A este respecto, o BNG salienta que os cursos do Centro Municipal de Emprego abren as posibilidades de inserción laboral das persoas. Hai que lembrar que, amais de axudar as persoas que a día de hoxe se atopan no desemprego, estes cursos poden favorecer os milleiros de persoas que a día de hoxe contan cun posto de traballo temporal, pois hoxe traballan pero o día de mañá non o farán.
Ademais, as nacionalistas sinalan que os cursos do Centro Municipal de Emprego que o Sr. Negreira renuncia a convocar serven para favorecer postos de traballo máis alá do sector servizos, que se caracteriza pola estacionalidade.