A Conta Xeral pon de manifesto a nefasta e prexudicial xestión económica do PP
A Coruña, 17 de xuño de 2014.- A xuízo do BNG como se atreve o Goberno Municipal, tras presentar a Conta Xeral de 2013, a afirmar que logrou reducir o período de pago a provedores e a dicir que reduciu a débeda cando a realidade pon de manifesto o contrario e evidencia que a xestión económica do Goberno Municipal do Partido Popular é nefasta e prexudicial para o Concello da Coruña.
Así, as nacionalistas lembran que o informe de interventor sobre a liquidación orzamentaria de 2013 puña de manifesto, a 26 de febreiro de 2014, que había 5.370.944,67 euros de facturas no caixón e por tanto non foron imputadas ao orzamento de 2013 (3.383.017,01 euros por facturas rexistradas e 2.100.504,38 euros por facturas pendentes de confirmación polos xestores malia seren recibidas no concello antes de 31 de decembro de 2013). Estas facturas no caixón presentadas en 2013, salientan as nacionalistas, nin foron contabilizadas nin abonadas aos provedores en 2013, nin se contemplaron no orzamento de 2014, razón pola que hai unha semana aprobouse inicialmente un modificativo de crédito no que 3,81 millóns de euros van destinados para pagar esas facturas.
Ademais, subliña o BNG, a Conta Xeral mostra que a 31 de decembro a débeda pendente do Concello da Coruña era de 78.214.048,03, polo que nunca tan alto foi o capital pendente de amortizar ás entidades bancarias. As cifras da débeda viva respecto a anos pasados, salientan as nacionalistas, son incuestionábeis (2006:68,28; 2007:75,82; 2008:76.33; 2009:75,78; 2010:77,27; 2011:70,03; 2012:75,73; 2013:78,21) e evidencian que a xestión no plano económico do Partido Popular é nefasta .