O BNG empraza o Sr. Negreira a facer público o informe sobre a calidade ambiental da auga de Oza
A Coruña, 17 de xuño de 2014- Diante das declaracións feitas polo Sr. Negreira esta mesma mañá nas que asegurou que a calidade da auga da praia de Oza é de excelencia, o Grupo Municipal do BNG emprázao a facer público o informe que determina unha baixada na calidade ambiental da auga do areal de Oza non prexudicial para a saúde dos veciños segundo informaron os medios- e, polo tanto, a retirada da súa bandeira azul. Malia telo requirido, nin sequera a asociación veciñal de Oza-A Gaiteira-Os Castros puido consultar o citado informe.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a falta de información fai que nos preguntemos cales das circunstancias que concorren perto dese areal poden ser as causantes do descenso na calidade ambiental da auga da praia de Oza ou se o son outras. Así, as nacionalistas pregúntanse se se debe á contaminación da ría do Burgo, onde está inserida esta praia; se ten a ver coa falta de solucións para a desembocadura do río Monelos; se pode deberse á balsa de lodos enterrada baixo o Marina Seca ou ás descargas de carbón no porto da Coruña.