Consúmase o obxectivo do PP para meter pola porta de atrás no Concello persoas afíns
A Coruña, 17 de setembro de 2014.- Coa entrada en vigor mañá, xoves, día 18 de setembro, da Lei 15/2014 de racionalización do Sector Público e outras medidas de reforma administrativa, consúmase así o obxectivo trazado polo Goberno do Partido Popular de que unha vez colocadas pola porta de atrás aquelas persoas funcionarias afíns que están á fronte das xefaturas de servizo por libre designación antes da entrada en vigor desta Lei, estas seguirán no Concello da Coruña logo do seu cese. Entre estas están as persoas nomeadas como xefas de servizo nestes últimos días (DOG de 10 de setembro), entre as que se encontran a Xefa de servizo de Persoal e a Xefa de servizo de emprego e empresa.
A Lei 15/2014, publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), reforma o Estatuto Básico do Empregado Público en todo o relativo ao réxime aplicábel ao cese das persoas funcionarias de carreira que tivesen obtido un posto de traballo polo procedemento de libre designación noutra Administración Pública con anterioridade á entrada en vigor desta Lei. Esta norma recolle unha disposición transitoria, a novena, que sinala que de seren cesados aquelas persoas funcionarias doutras administracións que entrasen no Concello da Coruña polo procedemento de libre designación antes da súa entrada en vigor, é dicir, mañá, o Concello debe destinalas a outro posto. Confirmándose así o que dicía o BNG, que os que chegaron de fóra xa quedan como funcionarios do Concello da Coruña, acrecentando a plantilla municipal pola porta de atrás.
As nacionalistas lembran as présas do Goberno Local por colocar os seus no último mes e medio, que deron lugar a unha inusitada celeridade e eficiencia na resolución da convocatoria da provisión de postos das xefaturas de servizo polo procedemento de libre designación, ausente na xestión diaria.
Convocatoria no DOG
14 de agosto de 2014
Inicio do prazo presentación de instancias
16 de agosto de 2014
Finalización do prazo de presentación de instancias
2 de setembro de 2014
Adxudicación por resolución da tenente alcalde delegada de persoal
9 de setembro de 2014
Anuncio da resolución no DOG
10 de setembro de 2014
Aprobación definitiva no Congreso dos Deputados da Lei de racionalización do Sector Público e outras medidas de reforma administrativa
11 de setembro de 2014
Publicación da Lei no BOE
17 de setembro de 2014
Entrada en vigor da Lei
18 de setembro de 2014