Conde de Fenosa: o incidente de nulidade formulado polo Goberno, condenado ao fracaso
A Coruña, 23 de setembro de 2014. Logo de coñecerse a nova estratexia procesual do Goberno Local en relación co Edificio Conde Fenosa, consistente na presentación dun incidente de nulidade de actuacións como paso previo para a presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, o Goberno Local é sabedor de que dito incidente vai ser desestimado, con costas para o Concello, polo cal a súa presentación só se xustifica por algo que agora silencia o Goberno, que é a posterior formulación de recurso de amparo ao Tribunal Constitucional.
A criterio do BNG, o feito de que o Concello solicite que o incidente o falle o Pleno do Tribunal Supremo, e non a Sala correspondente, ademais de carecer de amparo normativo, é notoriamente descabellada e improcedente.
O BNG advirte que a presentación deste incidente non interrompe o prazo para interpoñer o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional cando o incidente en cuestión non fose preceptivo, de modo que o Tribunal Constitucional pode inadmitir o recurso de amparo por terse presentado fóra de prazo (isto é, por extemporaneidade).
Polo demais, o BNG precisa que por regra xeral a presentación do incidente non suspende nin apraza a execución da sentenza (segundo o artigo 241.2 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, *), polo cal o Goberno Local segue estando obrigado a executar a sentenza que anula a licenza do edificio Fenosa. Aínda que o Goberno Municipal solicita no seu escrito a suspensión da execución da sentenza, dita petición será tamén desestimada, dada a excepcionalidade da medida proposta.
O Goberno Local debería aclarar se ten pensado acudir sempre ao recurso de amparo constitucional en asuntos urbanísticos, dado que é a primeira vez que sucede isto. Ou é que o asunto do edificio Fenosa é especial para o Goberno?
E mentres o Goberno Local está a facer o que non lle corresponde, a promotora Martinsa-Fadesa segue sen facer nada e Francisco Vázquez descansa e vive tranquilo como tertuliano, malia ser o principal responsábel político desta desfeita urbanística.
(*) Admitido a trámite el escrito en que se pida la nulidad fundada en los vicios a que se refiere el apartado anterior de este artículo, no quedará en suspenso la ejecución y eficacia de la sentencia o resolución irrecurribles, salvo que se acuerde de forma expresa la suspensión para evitar que el incidente pudiera perder su finalidad.