O Concello subvencionou a Cía de Tranvías con 9,71 millóns no 2013
A Coruña, 1 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG revela que a sangría da Compañía de Tranvías é aínda peor do esperado pois, segundo a Conta Xeral do Concello de 2013, a Compañía de Tranvías recibiu durante o pasado ano un total de 9.712.099,4 euros en subvencións municipais. Esta cantidade aparece recollida no apartado da Conta Xeral de transferencias e subvencións concedidas significativas durante o exercicio 2013. Lembra o Bloque que neste mesmo apartado da Conta Xeral de 2012 non se recollían as subvencións á Compañía de Tranvías.
As nacionalistas chaman a atención sobre o feito de que as axudas á empresa concesionaria do servizo de autobús urbano se recollan na sección transferencias e subvencións concedidas significativas como subvencións á Compañía de Tranvías (achégase documento dixitalizado). E é que o Partido Popular viña negando que se tratara de subvencións municipais á empresa, malia que o interventor xeral do Concello, no informe de Intervención dos orzamentos municipais de 2013, xa advertía de que non se trata tanto dunha subvención directa a favor dos beneficiarios (usuarios do transporte) como dunha asunción por parte do Concello de parte do prezo do billete a través dos recursos xerais e propios do Concello. Polo tanto ( ) a transferencia non se efectúa ao auténtico beneficiario senón ao concesionario do servizo.
As axudas por valor de máis de 9,71 millóns ás que alude a Conta Xeral do Concello correspóndense co cartón xeral, social e universitario empregados nos autobuses entre os meses de xaneiro a outubro de 2013, ao cartón xeral e universitario de outubro de 2013. Correspóndese, ademais, co cartón xeral de setembro a decembro de 2012, co cartón social de outubro a decembro de 2012 e do universitario do 10 de outubro de 2012 a 31 de decembro de 2012.
A subvención á Cía de Tranvías sobe ano tras ano e seguirá a subir
Vistos os 9,71 millóns de euros en subvencións á Compañía de Tranvías durante o exercicio económico de 2013, o Grupo Municipal do BNG volve denunciar que as axudas do Concello a esta empresa seguen a subir ano tras ano, malia estaren as tarifas do bus entre as máis caras do Estado español. Esta subvención á Compañía de Tranvías seguirá a aumentar, ao igual que o prezo das tarifas, mentres non se revise a concesión administrativa e mais a fórmula polinómica que se utiliza para o cálculo dos billetes.
O Bloque lembra que os orzamentos vixentes recollen unha transferencia corrente de 7,5 millóns para a Compañía de Tranvías, só 500.000 euros máis do que consignaban inicialmente os orzamentos de 2013. Estes 7,5 millóns resultan a todas as luces, insuficientes, tal e como sinalou o interventor no seu informe aos orzamentos municipais de 2014. Na páxina 14 do informe de Intervención ás contas do Concello para 2014 e en referencia á dotación de 7,5 millóns para a concesionaria do bus urbano sinálase que non existe xustificación de que vaia ser suficiente para darlles cobertura ás obrigas que se devenguen en 2014 por este concepto.
Por último, o Grupo Municipal do BNG apunta que malia que o Estado lle reduciu a subvención ao Concello para o transporte público, o Goberno do Sr. Negreira incrementoulle as axudas municipais á Compañía de Tranvías, tal e como se desprende dos 9,71 millóns recollidos na Conta Xeral.