O BNG acusa o PP de non ter interese na conexión ferroviaria do porto e no servizo de proximidade
A Coruña, 1 de xullo de 2014- En resposta aos anuncios da ministra de Fomento, o Grupo Municipal do BNG declárase farto dos eternos estudos sobre o acceso ferroviario ao porto exterior e sobre a implantación dos trens de proximidade. O Bloque acusa o Partido Popular de non ter ningún interese na conexión ferroviaria do porto exterior e de centrar todo o esforzo económico no acceso viario en detrimento do ferroviario.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o Sr. Negreira é cómplice necesario do abandono ao que a ministra de Fomento somete a conexión ferroviaria a Punta Langosteira ao permitir que os orzamentos xerais do Estado para 2014 non recolleran nin un só céntimo para o estudo da conexión ferroviaria. Precisamente, o Bloque presentara unha emenda parcial aos orzamentos para dotar a partida Conexión ferroviaria da Coruña co porto exterior da Coruña con 9 millóns de euros. Cómpre lembrar que nos orzamentos de 2013 esa partida só contaba cunha consignación de 50.000 euros.
As nacionalistas salientan que a ausencia da conexión por camiños de ferro provocou a perda de contratos con empresas interesadas en instalarse en Punta Langosteira. De feito, o ferrocarril é imprescindíbel para garantir a operatividade do porto exterior, sinaladamente, no que respecta ao transporte de graneis, xa que a conexión unicamente viaria supón un elevado custo económico para as empresas que alí se instalan. O exemplo máis significativo é o traslado do clínker a Langosteira, que requiriu de 1.700 traxectos de camión, cando podería realizarse con só 30 viaxes de ferrocarril.
O PP fomenta a conexión de Galiza coa meseta por tren no canto de garantir a conexión interna
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG critica que a ministra teña que agardar a un estudo para comprobar se existe demanda de servizos de proximidade nas cidades galegas cando as necesidades ferroviarias de Galiza están desatendidas desde hai décadas. O BNG convida o alcalde a que leve a ministra en tren da Coruña á Ferrol para que comprobe como a liña que une ambas as cidades é propia de inicios do século pasado. De feito, o traxecto dura 1h15min, igual que viaxar de Madrid a Valencia en AVE.
O Bloque lamenta que o Partido Popular apostara nos orzamentos xerais do Estado para 2014 pola conexión de Galiza con España en detrimento da liña ferroviaria interior. Case 900 millóns dos 1.339 millóns destinados ao noso país nos orzamentos xerais do Estado son absorbidos pola alta velocidade Olmedo-Lubián-Ourense. O BNG non cuestiona que se execute o programado para o AVE, mais pon de manifesto que hai necesidades ferroviarias máis imperiosas, como a liña de proximidade