O BNG denuncia severos recortes nos programas destinados á integración do pobo xitano
A Coruña, 7 de xuño de 2013.- O colectivo xitano é un dos máis afectados polos recortes do Partido Popular no Concello da Coruña. Demóstrao o modificativo de crédito aprobado inicialmente o día de onte, cos votos en contra das concelleiras nacionalistas, na sesión plenaria. A edila María Xosé Bravo denuncia que este modificativo suprime a partida de 200.000 euros para a adquisición de vivendas destinadas a realoxo de chabolistas e advirte de que, ademais deste importante retallamento, o Goberno municipal réstalle 62.500 euros á partida inicial de 95.000 euros para o convenio coa fundación Secretariado Xitano para a xestión dun programa de inserción social básica e de acceso ao emprego.
A concelleira do BNG pregúntase se é que o Goberno municipal está satisfeito co nivel de emprego entre o pobo xitano, dado que lle resta case o 70% do convenio coa fundación Secretariado Xitano para o programa ACCEDER de inserción social básica e de acceso ao emprego. María Xosé Bravo critica que eses 62.500 euros que lle resta o Goberno municipal ao convenio son repartidos entre sete asociacións, cinco delas benéficas, e que contan con outros convenios co Concello da Coruña, algún deles dunha cantidade importante, como o de 120.000 euros con Padre Rubinos.
A edila nacionalista pon de manifesto a necesidade que ten o pobo xitano de acceder ao emprego. De aí que non comprenda que o Goberno municipal recorte 62.500 euros dun convenio para un programa que tiña como primeiro obxectivo conseguir a incorporación efectiva do colectivo xitano no emprego. Sinala Bravo que existen asociacións e colectivos da cidade que traballan co colectivo xitano e que poderían desenvolver un traballo imprescindíbel con 62.500 euros para acadar uns niveis aceptábeis de inserción laboral entre estas persoas.
Só dúas familias da Ponte da Pasaxe foron realoxadas e, malia isto, o Goberno municipal suprime a partida de 200.000 euros para realoxo
Pola outra banda, María Xosé Bravo oponse á anulación da partida de 200.000 euros para a adquisición da vivenda dentro do programa de erradicación do chabolismo. Por segundo ano consecutivo, o nivel de execución desta partida destinada á erradicación do chabolismo é cero, advirte a nacionalista, quen lembra que no ano 2012 había unha partida de 160.000 euros que non se chegou a executar.
A concelleira do BNG, que se pregunta se eses 200.000 euros van ser destinados a festas, interésase polo número de persoas do poboado da Ponte da Pasaxe que foron realoxadas en vivendas normalizadas, xa que, segundo a información á que tivo acceso, tan só dúas familias foron realoxadas. Aínda sabendo do fracaso dos realoxos, o Goberno municipal se permite o luxo de suprimir 200.000 euros para a adquisición da vivenda a persoas deste colectivo, denuncia. Será que lles sobra, conclúe.