Carril: "Nin Xunta nin Concello teñen que poñer un peso no Parrote"
A Coruña, 21 de outubro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, defendeu, na rolda de prensa de valoración dos orzamentos galegos, que nin a Xunta de Galiza nin o Concello teñen que poñer un peso no Parrote. O túnel do Parrote teno que pagar a Autoridade Portuaria porque se trata dunha actuación da Autoridade Portuaria e en Terreos da Autoridade Portuaria, salientou.
O portavoz do BNG afirmou que a partida orzamentaria da Xunta para o túnel do Parrote evidencia unha gran labazada ao capricho Sr. Negreira. Así, puxo de manifesto que á vista dos orzamentos de 2014, que inclúen 3,5 millóns para O Parrote, a Xunta de Galiza desenténdese do capricho do Sr. Negreira tanto respecto das previsións recollidas nos orzamentos de 2013, que prevían unha partida de 7 millóns para o 2014, como respecto do convenio asinado en agosto entre Xunta, Concello e a ministra de Fomento como convidada de pedra, que tamén prevía 7 millóns de euros da Xunta de Galiza no 2014.
Advertiu Carril de que o capricho do Sr. Negreira vainos saír bastante caro, máxime cando o gasto que vai ter que facer o Concello no Parrote irá en detrimento de políticas de fomento do emprego e de benestar. Porén, o Sr. Negreira, de maneira caprichosa, decide cofinanciar ou cofinanciar máis do que lle corresponde no Parrote cando non tería que facelo, engadiu.
Desde o momento en que a Xunta de Galiza se desentende da obra do Parrote, sinalou o portavoz do BNG, probabelmente vaia ter que asumir o seu custo o Concello. Insistiu en que as obras do Parrote ten que financialas a Autoridade Portuaria e en que nin Xunta nin Concello deben poñer un peso, máxime nos tempos que corren. Por último, subliñou que a Xunta e o Concello deberían investir en xeración de riqueza, creación de postos de traballo e benestar social e non en beneficar unha empresa, Copasa.