Cada vez que fala un alto cargo do Goberno, evidencia as mentiras do Sr. Negreira sobre a ría
A Coruña, 22 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que cada vez que un alto cargo do Goberno central ou da Xunta de Galiza fala sobre a ría do Burgo deixa quedar en evidencia as mentiras impresentábeis do Sr. Negreira. Non pasou nin un semana desde que o alcalde da Coruña aseverou que a rexeneración da ría se iniciaría no 2014 e o delegado do Goberno central en Galiza se viu na obriga de rectificar o anuncio do Sr. Negreira.
O Grupo Municipal do BNG xa advertira do engano premeditado do Goberno do Sr. Negreira, máxime cando os orzamento do Estado non recollen nin un só céntimo para a ría, cando os orzamentos da Xunta recollen unha mísera partida repetida ao longo dos últimos tres anos sobre a estación de bombeo do Temple e cando o seu partido está a facer todo tipo de manobras para atrasar o relatorio sobre as rías galegas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, un informe crítico coas Administracións gobernadas polo PP.
Lembran as nacionalistas as palabras do Sr. Negreira, en declaracións a unha emisora de radio, sobre a visita da delegación da UE á ría do Burgo, en que dixo hay demasiado teatro y demasiados paripés. Aluden tamén ás actitudes do PP nos plenos municipais ao tombar canta iniciativa presenta o BNG sobre a ría do Burgo. Por todas as persoas é coñecida a fobia do Sr. Negreira ás mocións do BNG, presentadas a instancias da Confraría de Pescadores, en que solicita cartos para a rexeneración da ría e un calendario real de actuacións.