O BNG advirte de que os orzamentos renuncian a crear benestar social
A Coruña, 20 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que os orzamentos da Xunta de Galiza renuncian a crear benestar social da nosa cidade. Como mostra, o desprezo da Consellaría de Traballo e Benestar á nosa cidade, á que non lle dedica nin un só equipamento nin infraestrutura social. O departamento que dirixe a conselleira coruñesa Beatriz Mato non recolle nin o centro de día prometido polo Sr. Negreira en Durmideiras nin o centro de día prometido pola propia responsábel de Traballo e Benestar na Falperra días antes de teren lugar as últimas eleccións galegas. Tampouco inclúen os orzamentos de 2014 o centro de xubilados prometido por Beatriz Mato no mesmo barrio. O centro de alzhéimer comprometido polo Sr. Negreira segue a ser unha utopía, pois os orzamentos de 2014 nin sequera o citan.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG tamén bota en falta a construción de escolas infantís. Precisamente, na que foi a primeira visita institucional recibida polo Sr. Negreira como alcalde, Beatriz Mato anunciara a construción dunha escola infantil para a nosa cidade. Pasaron os orzamentos de 2012, os do 2013 e chegan os do 2014 e nada sabemos da escola infantil prometida polo PP.
Tamén en relación a equipamentos sociais, o Grupo Municipal do BNG lamenta que os orzamentos de 2014 non recollan ningunha partida para a residencia universitaria, a gran materia pendente na nosa cidade.
Sen novos centros de saúde
No que respecta a equipamentos sanitarios, o Grupo Municipal do BNG bota en falta o centro de saúde prometido para a zona de Palavea, Santa Xema e Pedralonga, dado que os habitantes destes barrios teñen que ir ao centro de saúde de Federico Tapia e ao de Matogrande. Ao igual que no caso da residencia universitaria, das escolas infantís, dos centros de día e do centro de azlhéimer, trátase dunha promesa máis incumprida polo Sr. Negreira.
Durante a campaña electoral das municipais, o Sr. Negreira salientaba nos seus célebres power point, ateigados de promesas virtuais, que o centro de saúde só dependía da cesión dunha parcela municipal. En resposta a unha pregunta do BNG, chegou a admitir que o centro de saúde era responsabilidade do Sergas. A Consellaría de Sanidade é quen ten a competencia para decidir a construción de centros de saúde, contestaba o Goberno municipal. Pois no 2014, a veciñanza de Palavea, Santa Xema e Pedralonga seguirán sen este necesario equipamento sanitario.