O Ventorrillo, sen alumeado público desde o venres, mentres o PP gasta 600.000 en luces de nadal
A Coruña, 16 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia deficiencias do alumeado público no barrio do Ventorrillo. Os farois da meirande parte das rúas do barrio levan apagados desde o venres, sen que o Concello lle dea solución á veciñanza do barrio. Segundo lle transmitiron veciños e veciñas ao BNG, a policía local respondeu que até o luns, por falta de operarios, non ía ser posíbel arranxarlles o alumeado público. Os nacionalistas anuncian que presentarán mañá unha batería de preguntas para a resposta escrita sobre o deficiente funcionamento da luz no Ventorrillo.
Os nacionalistas lamentan que o Goberno municipal gaste 600.000 euros nas luces de Nadal e dilapide 145.000 euros en Laponia e 200.000 na cabalgata de reis mentres deixa O Ventorrillo sen iluminación pública.