Carril denuncia que o aparcadoiro traseiro do Acuarium atenta contra a Torre de Hércules
A Coruña, 25 de abril de 2013.- O portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, denunciou esta mañá, ao pé do Acuarium Finisterrae, que a trapallada do aparcadoiro na traseira do Acuarium Finisterrae atenta contra a Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade. E que esta obra recén feita pon en evidencia a protección que fai o Goberno do sr. Negreira da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade.
O aparcadoiro, cun impacto enorme sobre a visión limpa que ten que ter a Torre como zona de protección (achégase foto), está situado dentro do ámbito do ben de protección da Torre de Hércules, é dicir, en zona Core (achégase plano). Así, sinala o nacionalista, dificilmente se podería facer esta obra e ademais debería de haber informe de Patrimonio, que non existe no expediente.
O BNG califica este expediente como singular e unha trapallada na súa tramitación
En primeiro lugar, pola finalidade mesma das obras de acondicionamento da parte traseira do Acuarium na parte que afecta ao aparcadoiro, dado que no propio expediente se di que tales actuacións se fan por motivos estéticos ("é necesario que se proceda a un ordenamento da parte traseira do Aquarium Finisterrae tanto desde o punto de vista da súa funcionalidade como desde o punto de vista estético, habida conta de que se trata dunha zona visíbel desde o paseo marítimo"), sen mencionar e sen importar en ningún momento o seu impacto sobre a visión limpa que debe ter a Torre de Hércules como zona de protección.
E en segundo lugar, polas actuacións contratadas polo Goberno Local (consistentes no acondicionamento da zona de almacenaxe, traballo e aparcamento para os vehículos e embarcacións de servizo, dunha zona de paso cara á terraza, dunha zona de aparcadoiros para 32 turismos cos seus camiños de acceso e dunha zona axardinada con céspede), que son claramente unhas obras. Por tanto, deberían terse tramitado como un contrato de obras e nunca como un contrato de subsministración (que, segundo a lei, ten por obxecto a compra, o arrendamento financiero, o arrendamento, con ou sen opción de compra, ou a adquisición de produtos ou bens mobles).
Polo seu prezo, debería tramitarse concretamente como un contrato menor de obras, en cuxo expediente debería figurar un proxecto de obra (que non o hai, conténdose literalmente no expediente a expresión "obra sen proxecto"), unha memoria e todos os informes necesarios (que non os hai), incluído o de Patrimonio (que non hai), que previsibelmente sería negativo por estar situadas as obras de acondicionamento do espazo de aparcadoiro na zona de maior protección da Torre de Hércules. Porén, o Goberno Municipal, denuncian os nacionalistas, tramitouno coma un contrato de subministración, a sabendas de que terían que facelo como obra, para así non presentar ningún proxecto de obra e evitar pedir os informes necesarios.
Se a finalidade destas obras era a ordenación da parte traseira desde o punto de vista estético (tal e como figura no expediente), o Goberno Local luciuse. Que maneira de protexer a Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, co agravante ademais de que non hai proxecto de obras, nin informe de Patrimonio, precisamente porque, de xeito intencionado, o que se fixo foi tramitar coma un contrato de subministración o que realmente era un contrato de obras, subliñou Carril.