Carril autoinculparase na causa contra as persoas denunciadas polo desaloxo da Sra. Aurelia Rei
A Coruña, 8 de marzo de 2013.- Na mañá de hoxe o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, acudiu ao Xulgado de Instrución Número 3 da Coruña e á Oficina de Información Cidadá das propias dependencias xudiciais para ter coñecemento de se existía algunha causa aberta contra a súa persoa polos feitos que tiveron lugar o día 18 de febreiro na rúa Padre Feijóo en relación ao desaloxo da Sra. Aurelia Rei. Desde o Xulgado e desde a propia Oficina informóuselle ao portavoz nacionalista de que non hai causa ningunha aberta contra a súa persoa. Porén, si figura Carril no atestado policial en relación a estes feitos, mesmo sendo mal identificado, como "concejal de seguridad ciudadana del ayuntamiento de La Coruña por el Bloque Nacionalista Galego (BNG)". Ademais, o atestado non cita o nacionalista co seu nome, Xosé Manuel Carril, senón como "José Manuel Carril", e mesmo chega a sinalar que "se tiró suelo", cando as imaxes evidencian que non se tirou, senón que o tiraron.
O portavoz do BNG pon de manifesto que os feitos que se recollen no atestado policial, ao que tivo acceso porque llo facilitou unha das persoas denunciadas, nin son rigorosos, nin son certos, porque non sucederon tal e como se describe no atestado, nin son constitutivos nin de delito nin de falta ningunha falta. "Ora ben, se por estes feitos se vai xulgar tres persoas, haberá que xulgarnos a todos e todas as que alí estivemos presentes, porque a xustiza é igual para todos e todas", sinala Carril. Por esta razón, o nacionalista anunciou esta mañá, mesmo no propio Xulgado, que se autoinculpará na causa. A vindeira semana, o portavoz do Grupo Municipal do BNG presentará toda a documentación por escrito.