Campaña Día da Patria: O BNG reivindica unha Galiza soberana, democrática e con dereitos
A Coruña, 16 de xullo de 2014- O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e mais o responsábel de Organización do BNG na cidade da Coruña, David Pena, presentaron esta mañá en rolda de prensa a campaña do Día da Patria 2014, a celebración máis importante para o Bloque en todo o ano e unha xornada de loita en que enfatizamos o carácter nacional de Galiza, en palabras de Carballada.
O responsábel comarcal explicou o lema elixido pola Executiva Nacional do Bloque En pé por Galiza, soberanía, democracia e dereitos, un emblema con conceptos cosubstanciais, xa que sen soberanía malamente este país pode ter unha democracia real e a soberanía e o medio para garantir os dereitos e servizos furtados ao pobo nos últimos anos.
Despois de que o pasado ano, o Bloque suspendera os actos do Día da Patria debido ao tráxico accidente de Angrois, Paulo Carballada sinalou que os e as nacionalistas volveremos celebrar o Día da Patria con moita ilusión e cun espírito de reivindicación nacional de Galiza que cómpre reforzar. Informou de que, como cada ano, o acto central do 25 de xullo será a manifestación nacional que partirá ás 12h da Alameda de Compostela e na que participarán, xunto ao Bloque, ducias de colectivos sociais afectados polas políticas neoliberais e de recortes do PP, como os e as emigrantes retornadas, as persoas estafadas pola fraude das preferentes, colectivos en defensa da sanidade e da educación públicas ou colectivos contrarios aos desafiuzamentos.
Ademais da manifestación, terá lugar unha nova edición do Festigal, con máis de cen actividades programadas que encherán o campus sur de Compostela de creatividade cultural e artística, entre a que destaca a música reivindicativa do país. Nao, Sés, Festicultores, A Quenlla, Os da Ría, Grampoder e Habelas Hainas son algúns dos grupos que actuarán este 24 e 25 de xullo en Compostela.
O BNG repartirá bandeiras da Patria para que a cidadanía as pendure das fiestras
Para animar a cidadanía a sumarse aos actos do Bloque polo Día da Patria, o responsábel comarcal puxo de manifesto que os e as nacionalistas instalarán mesas informativas en prazas e espazos públicos da cidade, en que as persoas interesadas poderán apuntarse ao transporte que pon o BNG para asistir á manifestación nacional, e repartirá bandeiras da Patria para que a xente poida penduralas orgullosamente das fiestras.
Paulo Carballada sinalou que as localidades da comarca da Coruña celebrarán actividades dentro desta campaña do Día da Patria e salientou o acto central de carácter comarcal que terá lugar nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o día 23. Consistirá, explicou, na ofrenda floral coa que o Bloque e Galiza Nova homenaxean cada ano a Curros Enríquez e ademais de intervencións políticas, entre as que destaca a do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, haberá espazo para a música e para a reivindicación das persoas máis afectadas polas políticas da dereita.
A campaña do Día da Patria ábrese este venres, ás 20h, no Campo da Leña co coloquio E ti que Galiza queres para o século XXI?
Pola outra banda, o responsábel local de Organización, David Pena, deu conta do acto co que arrinca a campaña do Día da Patria e que consistirá nun coloquio convocado para este venres, día 18, no Campo da Leña baixo o título "E ti que Galiza queres para o século XXI?". Nesta actividade tomarán a palabra militantes do BNG como persoas que non teñen ningun tipo de afiliación co Bloque. Moderado polo profesor de Socioloxía Pepe López Rei, no coloquio intervirán Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Rubém Centeno, activista dos movementos sociais da Coruña, María Xosé Silvar (Sés), cantautora, e Goretti Sanmartín, activista feminista e membro da Executiva Nacional do BNG.
David Pena expuxo que con este coloquio, que espera sexa de moita participación, encétase unha xeira de asembleas abertas que terán lugar até o mes de outubro e coas que o BNG reforzará o diálogo que vén mantendo coa cidadanía, co fin de escoitar as alternativas da sociedade e que a sociedade escoite e matice as alternativas do Bloque para facelas máis ricas.