O BNG reivindica o uso social do faro de Oza
A Coruña, 15 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dun rogo na próxima sesión plenaria, que terá lugar o vindeiro luns, co fin de garantir o uso social do faro de Oza. Así, as nacionalistas apoian as demandas da Asociación Veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros e da Confraría de Pescadores da Coruña, que reivindican darlle vida a este ben patrimonial cons fins formativos, educativos, culturais e sociais. A través do uso social, sinalan as nacionalistas, poderíaselle pór fin ao deterioramento do faro.
O edificio, recollido nas fichas do catálogo do PXOM, áchase na actualidade fóra da zona de servizo portuaria, mais está dentro da servidume de dominio público marítimo terrestre. O Plan Xeral aprobado polo Goberno do Sr. Negreira recólleo na súa cualificación urbanística como equipamento dotacional sanitario. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG solicita o cambio de uso dos terreos onde se encadra o Faro de Oza, co fin de que pase de equipamento dotacional sanitario a equipamento dotacional cultural, mantendo a titularidade pública.