O BNG exíxelle ao Goberno local solucións aos grandes embotellamentos polas obras de Novo Mesoiro
A Coruña, 16 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que adopte algún tipo de solución aos grandes embotellamentos que están a ter lugar en Novo Mesoiro e no polígono de Pocomaco debido ás obras de canalización do río Mesoiro. As nacionalistas úrxenlle ao Goberno local medidas que reduzan o enorme impacto que está a ter a obra no tráfico, sobre todo nas horas de entrada e saída ás empresas situadas en Pocomaco.
A veciñanza, que se puxo en contacto co BNG, denuncia falta de información por parte do Goberno municipal en relación ás propias obras e no que respecta ás alternativas que teñen que utilizar para circular cos vehículos. De aí que o Grupo Municipal do BNG lle exixa ao Goberno do Sr. Negreira que informe os veciños e veciñas das actuacións que está a acometer o Concello, da duración e mais das alternativas de tránsito que teñen.