O BNG pídelle ao alcalde o porqué do suplemento a 2 policías que traballan como escoltas
A Coruña, 11 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pídelle ao alcalde que explique o porqué do suplemento de produtividade a dous policías locais por desenvolveren tarefas de vixilancia e de protección, unha vez que o Sr. Negreira, aínda con papeis oficiais de por medio, segue a negar a existencia de escoltas.
"Ou ben quere rirse da xente ou ben non le a documentación que asinan os membros do seu Goberno", sinala a concelleira Avia Veira, quen lembra que a edila de Facenda asinou un informe no que recoñece que dous axente das Policía Local prestan un servizo de protección e vixilancia co obxectivo de velar polo propio alcalde. Neste informe, a Sra. Gallego dá o seu visto e prace, coa súa sinatura, á concesión dunha "produtividade extraordinaria" a estes dous axentes que protexen o alcalde e que o fan, tal e como revela o informe, nun horario que non se corresponde co do 092.
Veira expón que "o Sr. Negreira pode chamarlles aos escoltas como queira: custodia, protección, vixilancia, acompañamento, cortexo, séquito, comitiva, gardacostas... mais é evidente, á vista da documentación oficial, que o alcalde conta cos servizos destes dous axentes, malia bombardear a cidadanía, a través da política de propaganda e de titulares da falsa austeridade". A nacionalista lamenta que o alcalde continúe co engano malia a evidencia e que os escoltas estean a prestar servizo pola porta de atrás, logo da desubicación que o Goberno municipal fixo da Relación de Postos de Traballo (RTP).
Veira pon de manifesto que o servizo que prestan os escoltas non responde a ningunha sensación nin feito abstracto, "é tan real e tanxíbel que até o propio interventor se amosa contrario a que o Concello aboe este complemento de produtividade ao considerar que a función dos escoltas é de carácter permanente". "Intervención proponlle ao Goberno municipal a creación de postos de traballo nos que o seu complemento específico recoñeza esa singularidade e maior responsabilidade", engadiu.