O BNG denucia o asedio do Goberno municipal ás persoas que se dedican á venda ambulante
A Coruña, 10 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG súmase á preocupación do Foro Galego de Inmigración sobre o asedio do Goberno do Sr. Negreira ás persoas que se dedican á venda ambulante. Hai escasos dez días, as nacionalistas denunciaban a persecución do Goberno municipal a estas persoas, ás que mesmo lles incauta panos de papel e caramelos, un feito que cualificaron de amoral e intolerábel, propia de desalmados.
As nacionalistas insisten en esixirlle ao Goberno municipal que asuma o liderado na xestión da venda ambulante e na axuda ás persoas que a practican, sempre en coordenación cos colectivos de inmigrantes e entidades deste ámbito. Advirten de que as multas non son a solución ás dificultades de integración do colectivo inmigrante e lembran que é o Goberno municipal quen ten a responsabilidade de articular mecanismos para darlles solucións ás persoas que se dedican á venda ambulante.
O Grupo Municipal do BNG, que aposta pola igualdade de dereitos de todas as persoas que viven e traballan na Coruña, tamén das persoas que traballan na venda ambulante, empraza o Goberno municipal a facilitar procesos de participación. Nada se avanzou desde que o Grupo Municipal do BNG denunciou este tipo de actuacións e reclamou solucións para o colectivo afectado hai xa ano e medio. Por iso, as nacionalistas urxen o Goberno do Sr. Negreira, que se escuda e presume de facer cumprir a lei, a actuar de inmediato nos termos apuntados polo BNG.
Pola outra banda, as nacionalistas anuncian que lle pedirán explicacións ao Goberno municipal pola suposta agresión denunciada polo Foro Galego de Inmigración a unha persoa de orixe nixeriano que desenvolvía a venda ambulante o pasado 7 de xuño no Polígono de Agrela, perto do Centro Comercial Marineda City. Ademais, na liña das reivindicacións do Foro Galego de Inmigración, as nacionalistas esixen unha política activa contra a exclusión social e de defensa dos dereitos das persoas migrantes e, ao tempo, unha xestión intelixente da diversidade cultural por parte das autoridades locais.