Bravo considera un fracaso as cifras sobre turismo e chama o Goberno municipal a espelir
A Coruña, 22 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG non comparte a visión da concelleira de Turismo sobre os recentes datos que demostran a perda de peso da Coruña no sector. "Máis que discreta, como dixo a Sra. Cid, no BNG consideramos estas cifras un fracaso", sinala a concelleira nacionalista María Xosé Bravo. E é que A Coruña perdeu no 2012 un total de 22.045 visitantes respecto ao ano anterior e a ocupación hosteleira sufriu unha caída do 48,7%, case a metade respecto do 2011.
Bravo, que valora negativamente o balance, sinala que os datos "falan por si sos". "Xa non é que o BNG denuncie a ineficaz xestión da Concellaría de Turismo, as propias cifras así o demostran", apunta a nacionalista, quen cualifica de "raquíticas" as campañas da área dirixida pola Sra. Cid para promover o turismo.
A concelleira nacionalista lamenta que o Goberno municipal renuncie a facer da Coruña un referente no eido do Turismo. "Dados os recortes do PP en todas as Administración é normal que os potenciais visitantes non se movan da súa contorna, pero é que o Goberno municipal tampouco fai nada por incentivar as visitas", critica.
Esperamos que as críticas do Comité de Empresa de Alvedro ao Goberno municipal fagan espelir o Sr. Negreira e a Sra. Cid, que están a deixar esmorecer o aeporto
Bravo vencellou a caída do número de turistas coa incapacidade do Goberno municipal para potenciar o aeroporto da cidade, que se atopa "en caída libre". "A situación non pode ir a peor: Alvedro perdeu un 16,5% de persoas viaxeiras, o tráfico de mercadorías caeu un 22% e, practicamente, hai un monopolio de Iberia, con tarifas abusivas que provocan que voar desde A Coruña sexa até un 66% máis caro que voar desde Vigo ou Santiago", sinala Bravo. A concelleira do BNG engade a "espantada" de compañías aéreas como Turkish Airlines ou Air Europa, ou a marcha de EasyJet.
Para a nacionalista, que chama o Sr. Negreira e a Sra. Cid a espelir e a non deixar esmorecer o aeroporto, a solución a este retroceso que sofre Alvedro pasa por constituír un modelo galego de transporte aeroportuario, sempre baseado na complementariedade e na colaboración, e nunca na competitividade. Para iso, cómpre transferirlle as competencias en materia aeroportuaria a Galiza e acabar co modelo centralista que concentra toda a actividade en Madrid. Bravo advirte que, máxime en tempos de crise, é fundamental optimizar os recursos que temos. Así, esíxelle ao Goberno municipal que se dirixa á Xunta de Galiza para que se comece a actuar en clave galega.