A boa hora decátase o Goberno local de que as concesións da ORA e do guindastre eran unha ruína
A Coruña, 13 de xuño de 2014- En relación coa decisión do Goberno local de comunicar que non se van prorrogar as concesións da ORA e do guindastre debido a que arroja resultados deficitarios desde hace años que se reflejan en el presupuesto municipal, o Grupo Municipal do BNG congratúlase de que por fin o Sr. alcalde se decatara da ruína que isto lle supón ao Concello e dos substanciosos beneficios que percibe a empresa.
Menos mal que o Sr. Negreira se dá conta agora de que estas concesións son unha ruína para o Concello da Coruña. Algo que xa debería saber porque en decembro de 2011 lle revisou de oficio os importes a pagar á concesionaria, desde maio de 2008, sen que Vendex llo solicitase, tal e como denunciara o Bloque e recolle agora o sumario da Operación Pokemon. O Sr. Negreira tivo que esperar tres anos do seu goberno e ao Caso Pokemon para decatarse desta ruína e que supuxo o pago de máis de 3 millóns de euros na súa etapa de Goberno, malia que as cláusulas da concesión contemplaban que o servizo funcionaría con excedente económico, do cal se repartiría un 95% para o Concello e un 5% para a concesionaria en concepto de canon da concesión.
Desde decembro de 2011, o Grupo Municipal do BNG denunciou de xeito repetido as condicións leoninas que representaba esta concesión para o Concello da Coruña mesmo a través dunha moción en Pleno en outubro de 2012, recibindo sempre como resposta o non do Sr. Negreira. O Bloque lembra que esta concesión provócalle ás arcas municipais continuas perdas. En só cinco anos, a ORA e o guindastre déronlle como resultado ao Concello un déficit de máis de 3 millóns de euros.