O BNG xa advertira do impacto das obras da escola da Sardiñeira no mercadiño dos Mallos
A Coruña, 21 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG sinala o portavoz do Bloque, Xosé Manuel Carril, xa advertira na sesión plenaria de 23 de decembro de 2013 do impacto que terían as obras da escola infantil da Sardiñeira no mercadiño dos Mallos. Na acta do pleno relativa ao punto no que se debatía o estudo de detalle da escola, pode comprobarse como Carril lle indicaba ao concelleiro de Urbanismo que na comisión informativa previa ao pleno xa aludira ao mercadiño.
Ademais, a acta do pleno demostra como portavoz nacionalista lle preguntaba ao edil de Urbanismo se se ía seguir realizando no mesmo lugar o mercadiño ou se tiña pensado trasladalo a outro punto da cidade. O edil de Urbanismo limitábase a responderlle a Carril que efectivamente, a idea que temos, en principio, é reordenar os espazos para o mercado e ordenalos na mesma situación. Se se formula outra cousa, estúdase.
Pasado máis dun ano, o Goberno do Sr. Negreira nada fixo por buscar vías de solución cos propios vendedores e vendedoras afectadas. A este respecto, o Grupo Municipal do BNG critica que desde decembro de 2013 o Goberno local non tivera achegado unha alternativa que contentase as persoas afectadas.