Carril: "O pobo non ten medo, ten fame, por iso facemos pan co noso programa

Candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas acompañaron a Carril na presentación do programa.
Carril: "O pobo non ten medo, ten fame, por iso facemos pan co noso programa

Candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas acompañaron a Carril na presentación do programa.

A Coruña, 24 de abril de 2015.- “O pobo non ten medo, ten fame, por iso facemos pan co noso programa, un programa que está pensado nas necesidades das persoas que viven na Coruña”. Así comezou Xosé Manuel Carril, candidato do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía da Coruña, a rolda de prensa na que presentou o programa electoral, do que dixo que “está feito con fermentos naturais e paciencia, sen aditivos e sen présas”.

Carril reivindicou que o BNG-Asembleas Abertas entende a Política “como un facer colectivo e artesanal e non como algo individual, industrial e de márketing”. “De aí que fixésemos este programa coas máis de 1.200 propostas que nos fixeron chegar os veciños e veciñas e que está artellado en seis grandes bloques: A Coruña pública; A Coruña, galega; A Coruña mariñeira; A Coruña social; A Coruña ética e A Coruña de barrios”, engadiu.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas debullou cada un dos seis grandes bloques nos que se artella o programa. Comezou pola Coruña pública: “ou da Res Pública, porque o pobo quen toma as decisións con políticas públicas que nazan de consultas e orzamentos participativos, onde os recursos económicos proveñan de medidas fiscais e prezos públicos atendendo á capacidade económica da maioría social e onde haxa auditorías das concesións de cara a súa revisión e recuperación para reforzar os servizos públicos, que serán responsábeis na contratación pública”.

O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas expuxo, a continuación, o bloque da Coruña Galega, “motor desenvolvemento de Galiza, na súa condición de cidade comarcal e metropolitana, hábitat natural de cultura e lingua galegas que tanto nos enriquecen, e libre da simboloxía franquista”.

Sobre o bloque da Coruña Mariñeira, Carril sinalou que “o noso futuro tamén está na cidade que naceu do mar, para encadrala na súa contorna mariña, tanto cultural como económica, potenciando, apoiando, defendendo as actividades de pesca, marisqueo, percebe e baixura en todos os seus ámbitos de actuación.”

 

No que respecta á Coruña Social, apartado para o que o BNG-Asembleas Abertas recibiu máis propostas, o nacionalista salientou que “a rendibilidade social ten que ser o eixo transversal, con políticas de emancipación desde o emprego, os servizos públicos de benestar, a vivenda, o transporte público, o respecto ao medio ambiente e aos recursos naturais, a actividade física e deportiva que favorece a integración e a calidade de vida, o lecer, a protección civil, a convivencia, o empoderamento xuvenil, o recoñecemento do colectivo das persoas inmigrantes e emigrantes, a igualdade de xénero e a non discriminación pola orientación sexual”.

Sobre A Coruña Ética, dixo entender a ética “como preocupación política e da preservación e protección en toda actuación política e administrativa da veracidade, da transparencia, da neutralidade, da dación de contas e da corresponsabilidade, porque o Público é o espazo do ben común que implica o dereito e o deber da súa conservación e fomento”. Neste sentido, salientou a proposta do BNG-Asembleas Abertas para elaborar un código municipal ético e de boa conduta dos cargos públicos e persoal eventual, con mecanismos de supervisión e control exercidos non polos partidos políticos, senón por axentes externos, e cuxo incumprimento daría lugar á dimisión ou á destitución.

Por último, Carril referiuse ao bloque da Coruña de barrios, outro dos apartados máis amplos do programa dada a cantidade de propostas recibidas. Sinalou que este bloque está concibido baixo a filosofía do «eu son de barrio» fronte á metáfora da Coruña «Parrote-Mariña», que é excluínte, sectaria e elitista, e da aposta polos barrios urbanos e rurais como epicentro das políticas municipais.

Nas próximas horas, o programa electoral do BNG-Asembleas Abertas poderase consultar na web www.bng.gal/cidadedacorunha.

Carril: "O pobo non ten medo, ten fame, por iso facemos pan co noso programa