O BNG solicita a retirada da bandeira da UE dos edificios municipais
A Coruña, 14 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar por rexistro unha iniciativa na que demanda do Goberno a retirada da bandeira da Unión Europea de todos os edificios municipais da Coruña.
O Grupo Municipal do BNG solicítalle ao Goberno da Marea Atlántica a retirada da bandeira da Unión Europea dos edificios municipais
Esta proposta, realizada a semellanza da propia que realizaron onte as compañeiras do Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo, quere denunciar, de xeito contundente, as políticas inhumanas e lesivas contra as persoas que se defenden desde as altas instancias da Unión Europea, alleas a calquera principio humanitario.
O BNG entende que a actitude que está a manter a Unión Europea na crise das persoas refuxiadas só pode ser definida como escandalosa e totalmente inhumana
Desde o BNG realizamos esta solicitude como sinal de protesta polo acordo acadado entre a UE e Turquía para expulsar, sen posibilidade de solicitar asilo, a todas as persoas chegadas desde países en conflito e pola deriva que tomaron as políticas da UE en materia migratoria sinalan as nacionalistas.
Para o BNG a actitude que está a manter a Unión Europea na crise das persoas refuxiadas só pode ser definida como escandalosa e totalmente inhumana. Asemade, as nacionalistas sinalan que nas últimas datas asistimos á entrega dunha cuantiosa cantidade económica dos impostos do pobo europeo ao Estado turco facendo que este peche as súas portas, prohibindo o desprazamento de centos de miles de persoas que marchan dunha guerra que foi alentada propiamente polo denominado mundo occidental.
Avia Veira: A maioría das coruñesas e coruñeses, das galegas e galegos non apoia un acordo que atenta contra a legalidade internacional e os dereitos humanos e o mínimo que podemos facer desde o Concello é un xesto simbólico para evidenciar a vergoña que sentimos de pertencer a esta Unión Europea
O acordo económico imposto pola UE e Turquía viola os dereitos humanos fundamentais, tal e como indicou a ONU e o Concello da Coruña non pode permanecer alleo nin impasible ante unha decisión deste tipo. A maioría das coruñesas e coruñeses, galegas e galegos non apoia un acordo que atenta contra a legalidade internacional e os dereitos humanos e o mínimo que podemos facer desde o Concello é un xesto simbólico para evidenciar a vergoña que sentimos de pertencer a unha Unión Europea disposta maltratar a persoas que foxen dunha guerra provocada desde occidente, conclúe Avia Veira.