O BNG revela o que calan e non din os promotores do Ofimático
A Coruña, 17 de xaneiro de 2015.- Visto o que piden os grandes promotores do Ofimático, logo do anuncio de que presentarán unha solicitude de medidas cautelares en relación coa sentenza de 4 de decembro de 2014 que anula o contrato de adxudicación das obras de urbanización, cómpre tamén, a xuízo do Grupo Municipal do BNG, deixar claro o que calan e non din precisamente estes grandes promotores do Ofimático. E isto é o que calan e non din:
Primeiro, non exixen xudicialmente a suspensión das obras de urbanización, porque isto xa o solicitaron durante o proceso xudicial e foilles denegado, tal e como se recolle nos antecedentes de feito da sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 de 4 de decembro de 2014. Foi o propio xulgado o que, por auto de 14 de marzo de 2011, lles di que non procede esta suspensión até que haxa sentenza firme ou o que proceda.
Segundo, os grandes promotores non solicitan a execución provisional da sentenza, que poderían facelo, porque entón xudicialmente se lles requiriría que depositasen unha importante cantidade económica en concepto de garantía, por se tratar dunha paralización de obras, tal e como contempla a Lei da Xurisdición Contenciosa-Administrativa. E non a solicitan porque, ademais de teren que facer este ingreso económico, corren o risco de perder esta cuantía económica no caso de que o recurso do Concello da Coruña contra a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 4 fose adiante.
E terceiro, tamén hai que deixar claro que o pago das cotas de urbanización non están atinxidas pola anulación da adxudicación do contrato das obras de urbanización, pois estas cargas non se derivan da adxudicación das obras de urbanización, senón do proxecto de reparcelación. Deste modo non se lles pode deixar de cobrar as cotas coas que se costean os traballos de urbanización, como tampouco devolver as cantidades que abonaron até o momento.