O BNG reuniuse esta mañá co Comité de Empresa de Alvedro
A Coruña, 11 de novembro de 2015.- A concelleira do BNG no Concello da Coruña, Avia Veira, e representantes do Comité de Empresa de Alvedro mantiveron está maña unha reunión na que trataron varias das reivindicacións que reclaman as traballadoras e traballadores do aeroporto coruñés. Neste encontro, tratáronse asuntos clave para o desenvolvemento futuro do aeroporto e nas que o BNG ten posicións moi coincidentes cos representantes das e dos traballadores.
O Grupo Municipal do BNG manifestoulles aos traballadores e ás traballadoras de Alvedro o seu apoio diante das súas reivindicacións
Entre outras cuestións, os membros do Comité de Empresa sinalaron que actualmente a cabeceira sur de Alvedro non se pode empregar cando é de noite porque carece de sistemas de axuda instrumentais polo que cando as condicións climatolóxicas na cabeceira norte son malas e é de noite acaban por desviarse os avións a outros aeroportos coas consecuencias que iso ten para as persoas pasaxeiras. É por isto que os representantes das traballadoras e dos traballadores manifestaron que é preciso investir para a implantación dun sistema de axuda instrumental para a cabeceira sur e apostar por un sistema de aproximación por GPS (sistema de navegación por satélite GBAS) que permitiría que os avións puideran aterrar pola noite e con certas condicións climatolóxicas adversas.
Os investimentos para a implantación do sistema de aproximación por GPS, a coordinación entre aeroportos e a conexión de Alvedro coa cidade e o resto de terminais foron os principais temas tratados
A implantación deste sistema é unha reivindicación das traballadoras e dos traballadores do Comité que compartimos pois é máis preciso, máis seguro, máis sustentábel e ofrecería unha mellor calidade no servizo, rematando coas continuas desviacións, e ademais tería un custo aproximado de 160.000 euros -seis veces máis barato que o que custaría instalar un sistema como o da cabeceira norte, máis anticuado- dos cales o 70% poderían financiarse con fondos europeos, manifestou a concelleira nacionalista Avia Veira.
Outro punto de encontro entre as nacionalistas e o propio Comité de Empresa foi o da necesaria coordinación entre os tres aeroportos galego. Neste sentido, falaron da necesidade de ter un plan para a coordinación e a planificación do mapa de rutas aéreas para as tres terminais galegas. Así, o Bloque lembra que son múltiples as iniciativas presentadas no Parlamento de Galiza neste sentido e que sempre apostou por un sistema aeroportuario galego, deseñado desde Galiza, no que os tres aeroportos operen en condicións de igualdade, coordinados e cun plan de rutas que dea prioridade aos volumes de pasaxeiras e pasaxeiros.
Na xuntanza tamén trataron a conexión do aeroporto coruñes co resto de aeroportos de Galiza e coa propia cidade. Tanto para o Comité de Empresa como para o Bloque, é imprescindíbel mellorar e aumentar o transporte público que conecta actualmente Alvedro coa Coruña. Tampouco se entende que a estas alturas non exista unha conexión coa AP-9 nin ningún tipo de conexión áxil cos demais terminais galegos, indican as nacionalistas.