Cal é a situación dos quirófanos de urxencias do CHUAC?
A Coruña, 7 de novembro de 2015.- A instancias do Grupo Municipal, o Grupo Parlamentario do BNG, rexistrou unha batería de preguntas para a súa resposta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza interesándose pola situación dos quirófanos de urxencias do CHUAC que a día de hoxe seguen sen ter posta data para o inicio para o seu funcionamento.
O BNG presenta unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza relativa denunciando o retraso na posta en funcionamento dos quirófanos de urxencias do CHUAC
As nacionalistas denuncian que a anterior conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, realizou o 23 de marzo unha visita ao CHUAC no transcurso da cal fotografouse nos quirófanos de urxencias e anunciou que os tres estrearíanse logo da Semana Santa. A maiores, naquel momento, a conselleira referiuse ao investimento de 400.000 euros para dotar de equipamento a estes tres primeiros quirófanos e que a previsión era que os 15 restantes quirófanos previstos na segunda fase do plan director do CHUAC, que contempla a ampliación do servizo de urxencias e a remodelación dos servizos centrais, entre os que se atopan os bloques de quirófanos e de radiodiagnóstico, estarían en funcionamento en decembro do 2015, isto é, dentro dun mes.
O Bloque sinala que os quirófanos de urxencias do CHUAC aínda a día de hoxe non están en funcionamento malia que a anterior conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, veu en marzo a sacar a foto anunciando a súa posta en marcha para abril
Xa transcorreron oito meses desde esa visita-anuncio, realizada nos últimos días permitidos pola lexislación electoral pola convocatoria de eleccións municipais, e estes quirófanos aínda non están en funcionamento e dos outros 15 nada se sabe, sinalan as nacionalistas.
As nacionalistas preguntarán no Parlamento, entre outras cuestións, cal é a data real prevista para a posta en funcionamento dos quirófanos de urxencias do CHUAC
Por iso, o Bloque preguntará cal é a razón para que os tres quirófanos de urxencias do CHUAC non estean en funcionamento, que xustificación hai para que se anunciara a súa apertura despois de Semana Santa, é dicir principios de abril de 2015, e que a día de hoxe sigan sen funcionar, cal é o problema que impide a súa posta en funcionamento (equipamentos, problemas estruturais, problemas coa iluminación), cal é a data prevista para a posta en funcionamento dos tres quirófanos de urxencias do CHUAC ou cal é a previsión para o remate e posta en funcionamento do bloque de quirófanos completo.
Tamén, nesa batería de preguntas o BNG inquírelle á Xunta se a Consellaría de Sanidade ten recepcionado estes tres quirófanos, se ten abonado o importe da obra á empresa encargada de realizala, e de ser así, en que data o faría.