O BNG preguntará en Pleno se o PP prevé modificar a ordenanza do IBI para evitar o seu encarecemento
A Coruña, 28 de outubro de 2013.- O encarecemento do Imposto de Bens Inmobles (IBI), a destrución de perto de 8.000 postos de traballo na nosa cidade en só tres meses e as axudas para o pago de programas educativos fóra do horario escolar centran as preguntas orais que formulará o Grupo Municipal do BNG na sesión plenaria ordinaria do mes de novembro.
Así, o Grupo Municipal do BNG preguntaralle ao Goberno do Sr. Negreira que vai facer co incremento do IBI que se vai producir logo da aprobación da lei que estabelece determinadas medidas en materia de fiscalidade medio ambiental e adopta outras medidas tributarias e financeiras. Precisamente, foi o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, quen lle advertiu, no Pleno de outubro, ao alcalde do encarecemento deste imposto coñecido como contribución. Ademais, a través dun escrito rexistrado o 09.10.2013, o portavoz nacionalista reclamoulle ao alcalde o inicio do procedemento de modificación da ordenanza fiscal do IBI (para que entre en vigor o 01.01.2014), co fin de evitar o novo encarecemento deste imposto. O BNG salienta que só a través da modificación da ordenanza fiscal do IBI pode evitarse este aumento. Polo de agora, as nacionalistas non teñen coñecemento do que ten previsto facer o Goberno do Sr. Negreira.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG quere coñecer a valoración que fai o Goberno do Sr. Negreira dos últimos datos da EPA, que indican que en só 3 meses foron destruídos na nosa cidade 7.800 postos de traballo, unha media de 87 postos de traballo destruídos ao día. Ademais, a Enquisa de Poboación Activa revela que que na cidade aumentou o paro en 2.000 persoas respecto ao trimestre anterior e en 4.200 respecto ao ano pasado. Nin sequera o traballo estacional, propio da época estival, foi quen de frear esta desfeita. Malia estes datos preocupantes, o Goberno do Sr. Negreira aínda non se pronunciou ao respecto.
Ademais, o BNG preguntará se existen axudas para que as familias desfavorecidas poidan facerlle fronte ao pagamento dos programas educativos organizados polo Concello nos centros públicos da cidade fóra do horario escolar.