O BNG reclama, mediante unha moción, que @s bombeir@s da Coruña non participen en desafiuzamentos

Despexo de Aurelia Rey onde os bombeiros da Coruña negáronse a actuar
O BNG reclama, mediante unha moción, que @s bombeir@s da Coruña non participen en desafiuzamentos

A Coruña, 1 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira presentou esta mañá en rolda de prensa unha moción para reclamar que os bombeiros do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) do Concello da Coruña non interveñan nin en embargos nin en desafiuzamentos. Deste xeito, sinalou Veira, evitaríanse conflitos como o que tivo lugar na rúa Padre Feijóo, o 17 de febreiro, cando se pretendeu desaloxar a Sra. Aurelia Rei da súa vivenda.

Na iniciativa, as nacionalistas reclaman que se lles comunique aos mandos do SEIS que non atendan as solicitudes que reciban para forzar os accesos aos inmóbeis en casos de embargos ou desafiuzamentos e que se lles requira ás autoridades policiais e xudiciais que se absteñan de solicitar a intervención do SEIS nos casos de embargos e desafiuzamentos.

Veira explicou na rolda de prensa que "entre as funcións dos bombeiros e bombeiras do SEIS non figura, como tarefa propia do corpo de bombeiros, a de franquear o acceso nos desafiuzamentos". Ademais, puxo de manifesto que se fai mención expresa a que "as urxencias que se antendan non poden ter a condición de urxencias policiais".

Así, a concelleira do BNG expuxo as tarefas dos bombeiros recollidas na páxina 284 do manual de funcións da Relación de Postos de Traballo en vigor no Concello da Coruña: extinción de toda clase de incendios; prevención e intervención en toda clase de urxencias non policiais: accidentes, salvamentos, rescate de persoas e animais, sinistros, inundacións, primeiros auxilios e calquera outra catástrofe e situación de emerxencia. Co obxecto de preservar bens e persoas, e utilizando para iso todos os medios postos á súa disposición.

Tamén recolle como función dos traballadores e traballadoras do SEIS a inspección e revisión de lugares públicos, fábricas, locais, para a detección de riscos e a comprobación do cumprimento da normativa relativa á protección contra incendios en industrias, locais comerciais, locais de recreo e salas de espectáculos; a atención á central telefónica para a recepción de chamadas ordinarias ou dos avisos de emerxencias e calquera outra tarefa de similar natureza que lle sexa encomendada polo seu superior xerárquico.

A Mesa intersindical de bombeiros de Galiza vén de acordar que os e as profesionais rexeitan, profundamente, a participación en desafiuzamentos

Ademais, a concelleira nacionalista aludiu ao acordo que vén de adoptar a Mesa intersindical de bombeiros de Galiza. "Os bombeiros e bombeiras acordaron que non tomarán parte na execución de ningunha orde de desafiuzamento e transladaron a súa postura de rexeitamento profundo ao uso do servizo de extinción de incendios e salvamento para abrir portas para consumar despexos", explicou Veira.

A edila do BNG pon de manifesto que os propios traballadores e traballadoras advirten de que a colaboración nos desafiuzamentos é unha actividade que escapa totalmente das tarefas que debe afrontar un bombeiro e unha bombeira profesional cando non existe risco para persoas, animais ou bens materiais.

 

O BNG reclama, mediante unha moción, que @s bombeir@s da Coruña non participen en desafiuzamentos