O BNG pedirá en Pleno reestabelecer a actividade dos dous COF e defender a lei do aborto
A Coruña, 1 de marzo de 2013.- A responsábel de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, acompañada da concelleira Avia Veira, presentou esta mañá en rolda de prensa a moción que levarán as nacionalistas ao Pleno ordinario de marzo, que terá lugar este luns, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. "Lonxe do carácter testemuñal, cerimonial ou anestesiante que algunhas formacións políticas pretenden darlle, este día ten un sentido reivindicativo e visualizador da situación de discriminación que padecemos as mulleres", comezou Louro.
A nacionalista explicou que a moción do BNG reclama que o Concello da Coruña desenvolva as accións necesarias dirixidas a eliminar as desigualdades sociais e laborais que sofren as mulleres da nosa cidade, que inste o SERGAS a cubrir a praza vacante de xinecoloxía no Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, que defenda os dereitos das mulleres e se posicione contra a derrogación da Lei do aborto e que cumpra as medidas recollidas no II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes.
Na presentación da moción, Vitoria Louro puxo de manifesto que a crise económica e social que estamos a vivir e a falta de alternativas xustas e sociais dende os gobernos do Estado e de Galiza "golpea de maneira especial as mulleres". "A feminización da pobreza é xa un feito na nosa sociedade e fai desaparecer avances acadados en decenios de esforzos de acción positiva", sinalou. Ademais, acusou a Xunta de Galiza de impulsar unha política que cuestiona os dereitos das mulleres, de desmantelar a estrutura administrativa que lles daba corpo ás políticas a prol da igualdade e de afondar nos recortes nos servizos públicos e nos servizos sociais, uns recortes que inciden en maior medida nas mulleres.
"Os recortes afectan directamente á independencia das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo e afondan nas desigualdades de xénero que poden levar a situacións de violencia machista"
Vitoria Louro puxo de manifesto que os recortes en servizos públicos, a anunciada derrogación da lei que regula o aborto ou o feche do COF "afectan directamente á independencia das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo e afondan nas desigualdades de xénero que poden levar a situacións de violencia machista", advertiu. "E provocarán ademais que quen quixer ter unha atención nos tempos que esixen as problemáticas sexuais e reprodutivas terá que acudir á sanidade privada, se é que dispón de recursos suficientes", engadiu.
A nacionalista fixo especial fincapé no retroceso democrático que supoñerá a anunciada derrogación da lei que regula a interrupción voluntaria do embarazo, a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo. "
Esta lei incorpora políticas de información e prevención de embarazos non desexados, elemento clave en calquera política que pretenda diminuír a súa incidencia pero para o Partido Popular nin os dereitos nin a saúde das mulleres lle interesan", salientou.
Engadiu Vitoria Louro que "somos ben conscientes disto na Coruña pois nesta cidade está a pecharse o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo". "Non hai razóns sanitarias, nin de falta de demanda social, nin de falta de necesidade, nin de mal funcionamento do COF do Ventorrillo que xustifiquen o seu peche e a sobresaturación do COF da rúa Tui", afirmou. Por iso, na moción, o BNG esixe que se reestabeleza o normal funcionamento dos dous centros da cidade para manter os programas de información e educación afectivo sexual e reprodutiva e garantir o acceso universal aos servizos de saúde sexual e reprodutiva, o acceso a métodos seguros e información sanitaria sobre a anticoncepción e prevención de enfermidades de transmisión sexual.
Se queres ver un extracto da rolda de prensa, pica nesta ligazón