O BNG reclama unha liña de bus que una Eirís co CHUAC

O BNG reclama unha liña de bus que una Eirís co CHUAC

María Xosé Bravo 2A Coruña, 16 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha pregunta para a resposta escrita para coñecer as intencións do Goberno do Sr. Negreira en relación á petición da veciñanza de Eirís, que reclama o estabelecemento dunha liña de autobús urbano que una o barrio co CHUAC e co Materno-Infantil que pase polos Castros.

As nacionalistas, que presentan esta iniciativa despois de se reunir coa asociación de veciños e veciñas, denuncian que o propio Goberno do Sr. Negreira lle indicou á veciñanza que non é posíbel realizar modificacións nos percorridos dos buses. E isto, advirten, malia que o PP recollía esta promesa no programa electoral das municipais de 2011.

O Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno local se ten realizado algunha xestión encamiñada a cumprir a súa promesa electoral para que a veciñanza de Eirís conte cunha liña de bus que os una co CHUAC e co Materno-Infanti. Tamén lle indica que nos pasados meses se acometeron varios cambios nos percorridos dos buses, feito que demostra que é posíbel modificar itinerarios. Así, as nacionalistas pregúntanlle ao Goberno do Sr. Negreira cales son as razóns que explican que a veciñanza de Eirís quede postergada.

O BNG pide explicacións sobre o corte do acceso que conducía de Eirís de Abaixo até Alfonso Molina

Pola outra banda, noutra iniciativa, presentada tamén a instancia da AVV, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto o abandono que padece Eirís de Abaixo, o núcleo rural que hai entre o Ofimático e a avenida de Monelos. Trátase dun lugar cun firme nas rúas moi deficiente, que carece de limpeza nas gabias e cuxo alumeado é insuficiente e está deteriorado.

As nacionalistas advirten de que como se estas eivas que presenta Eirís de Abaixo non fose suficiente o Goberno do Sr. Negreira cortou a saída que Eirís de Abaixo posuía cara Alfonso Molina debido ás obras de urbanización do Parque Ofimático. Este corte ocasiónalles molestias aos veciños e veciñas pola volta que teñen que dar para ir cara Alfonso Molina. Neste contexto, o BNG pregúntalle ao Goberno local canto tempo vai estar interrompida esta vía e se non é posíbel facer un acceso provisorio que lle permita o paso á veciñanza.

 

O BNG reclama unha liña de bus que una Eirís co CHUAC