O BNG presenta no pleno as propostas de mellora para Novo Mesoiro

O BNG presenta no pleno as propostas de mellora para Novo Mesoiro

A Coruña, 17 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas para resposta escrita nas que se fai eco das melloras reclamadas pola asociación de veciños e veciñas de Novo Mesoiro para o barrio. Esta iniciativa xorde do contacto frecuente que existe entre a entidade veciñal e a organización nacionalista, que está a levar ás últimas sesións plenarias as actuacións demandadas polos veciños e veciñas para Novo Mesoiro.

Nesta batería de preguntas para a resposta escrita, o Grupo Municipal do BNG advirte das melloras necesarias en tres apartados: seguridade viaria en zonas nas que hai áreas infantís no conxunto do barrio, execución do proxecto para o alumeado público no parque que existe entre Novo Mesoiro e o polígono de Pocomaco e pavillón deportivo.

No que respecta ao reforzo da seguridade nos parques infantís, o Bloque pregúntalle ao Goberno local se existe algunha partida aprobada ou prevista para a colocación de varandas de protección nos parques infantís situados perto das rotondas da Avda. de Novo Mesoiro ou na r/Ribeira Sacra coa Fraga do Eume e cales serían os prazos para a execución da obra. Tamén pregunta se ten previsto o Goberno local colocar varandas provisionais mentres non se comece coas actuacións.

Sobre o alumeado, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira pola previsión de datas para a instalación dos puntos de luz prometidos no parque de Novo Mesoiro e se estará executada esta actuación antes de que remate o inverno. Ademais, o BNG pregunta se o Goberno local ten previsto adecuar, manter e conservar as pistas de terra para crear un paseo que una as zonas posteriores do barrio co polígono de Pocomaco. As nacionalistas insisten na necesidade de que se adecente e se dote de luz este lugar frecuentado por deportistas.

En relación ao pavillón, o BNG quere saber se o Goberno local contempla permitir o seu uso nas franxas horarias dispoñíbeis –e non reservadas por ningunha entidade federada- en horario de tarde e se está disposto a informar a veciñanza dos tramos horarios libres para poder empregar o equipamento deportivo.

O BNG apoia a veciñanza na petición de construír un complexo educativo

Non esquecen as nacionalistas o que a asociación de veciños e veciñas cualifica como a necesidade máis urxente do barrio: a construción dun complexo educativo que dea resposta á demanda de prazas no ensino público da veciñanza do barrio. Lembran ao respecto que Novo Mesoiro ten ao redor de 10.000 habitantes e que a necesidade dun complexo educativo é imperiosa. A este respecto, pregúntanlle ao Goberno local se se puxo en contacto coa Xunta de Galiza para construír o citado complexo educativo e, no caso de ser así, como se atopan os trámites.

 

O BNG presenta no pleno as propostas de mellora para Novo Mesoiro