O BNG propón a recuperación das galerías comerciais da Mercé
A Coruña, 15 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG rexistrou unha iniciativa na que propón a recuperación das galerías comerciais da rúa da Mercé, unha demanda reiterada en numerosas ocasións pola AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros.
Despois de manteren unha das reunións periódicas coa entidade veciñal, as nacionalistas sinalan que, tal e como salienta a asociación de veciños e veciñas, o acondicionamento destas galerías contribuiría á creación de emprego no barrio, permitiría dispoñer de postos comerciais a un prezo asumíbel e posibilitaría crear un espazo para coworking e para actividades culturais e de produtos ecolóxicos, artesanais ou de segunda man.
Dadas as posibilidades que implicaría para o barrio dos Castros a revitalización da galería comercial da situadas entre a Avenida de Oza e a rúa da Mercé, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno local se prevé realizar algún tipo de iniciativa para recuperar estas galerías. Ademais, as nacionalistas fanse eco das necesidades do comercio deste barrio, que solicita a contribución do Concello no desenvolvemento de actividades.