O BNG denuncia a publicidade sexista de "Coruña Wapa" perante a Secretaría Xeral de Igualdade
A Coruña, 30 de outubro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira vén de denunciar perante a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza a publicidade sexista da campaña do Goberno do Sr. Negreira Coruña Wapa e esixe a súa retirada. A edila nacionalista considera inadmisíbel, máxime por parte dunha Administración pública que debería velar pola igualdade, o uso de lemas como Antes muerta que sencilla ou La belleza está en el interior del vestidor.
Avia Veira expón na denuncia que os lemas da segunda edición de Coruña Wapa, que se poden visualizar en diversos soportes publicitarios ao longo da cidade, nada teñen a ver coa pretendida educación en valores, xa que antepoñen a apariencia física á vida dunha muller. Tamén critica que o Goberno municipal retorza un dito popular que lle resta importancia á beleza en pro da bondade para darlle toda a importancia á beleza das nosas posesións: neste caso de algo tan superficial como a roupa.
A concelleira do BNG considera grave que as autoridades municipais do Partido Popular atenten contra a igualdade de mulleres e homes e advirte de que con actitudes sexistas como a da Concellaría da Sra. Cid se camiña na dirección contraria á de unha sociedade igualitaria. É especialmente irresponsábel que un Goberno municipal empregue lemas que fomenten a imaxe dunha muller obxecto e submisa en vez de loitar contra o modelo imperante do patriarcado e de reivindicar a autonomía e a proxección profesional da muller, sinala Avia Veira.