O BNG pregúntalle ao Goberno local polas tarxetas de residente para o comercio
A Coruña, 14 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha pregunta para a resposta escrita sobre as tarxetas de residentes destinadas aos comerciantes. Asociacións de comerciantes que se puxeron en contacto co BNG sinalan que lle teñen solicitado en numerosas ocasións ao Goberno local que estude a posibilidade de que comerciantes poidan contar con tarxetas que lles permitan aparcar nas zonas destinadas a residentes.
Segundo puido saber o BNG, a área de Mobilidade do Goberno local informoulles a estas asociacións hai máis de dous anos de que estudaría dotar os comerciantes de tarxetas con franxas horarias e tarifas diferenciadas, nocturnas e diúrnas para residentes e comerciantes. De aí que as nacionalistas lle pregunten ao Goberno local se existe ese estudo prometido aos comerciantes, cales son as conclusións e por que non se lles informa as asociacións que solicitaron as tarxetas das posibilidades baralladas polo Concello.