O BNG propón no Parlamento facilitar a expropiación para instalar ascensores
A Coruña, 18 de febreiro de 2015- O portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e a concelleira María Xosé Bravo reuníronse na mañá de hoxe con representantes da AVV da Agra do Orzán e veciños e veciñas do barrio para lles presentar as iniciativas presentadas polo Bloque no Parlamento relativas á modificación da lexislación para poder expropiar co fin de instalar elevadores nos edificios con vivendas. O BNG elixiu a Agra para presentar estas iniciativas dado que se trata dun barrio ateigado de edificios de varios andares sen ascensor.
Na rolda de prensa posterior á reunión, Jorquera sinalou que a día de hoxe as persoas propietarias de vivendas que carecen de ascensor se atopan con enormes dificultades para os instalar, xa que o Goberno do Sr. Negreira suspendeu a tramitación das solicitudes de expropiación que afectan aos locais situados nos baixos dos edificios. Expuxo Jorquera que o Goberno local empregou como escusa para paralizar a expropiación para ascensores a Lei estatal 8/2013, de 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.
Jorquera explicou que de acordo coa interpretación perversa que fai o Goberno local da lei estatal, só se podería expropiar para pór elevadores se a súa instalación se encadra nunha actuación de rehabilitación e que esta instalación estea prevista en plans ou delimitación de ámbitos de rehabilitación e ordes de execución. O parlamentar nacionalista sinalou que a solución á que apunta o Goberno local pasa pola modificación da Lei de Vivenda de Galiza.
O deputado do Bloque lembrou na rolda de prensa que os locais situados nos baixos dos edificios carentes de ascensores están na meirande parte dos casos desocupados e entre as persoas que moran nas vivendas hai moitas persoas de avanzada idade ou con problemas de mobilidade. A mobilidade, salientou Jorquera, é un dereito que implica a real posibilidade dunha persoa de ingresar, transitar ou permanecer nun lugar de xeito seguro, confortábel e autónomo, circunstancia que non se produce nestes edificios.
Proposición non de lei e preguntas encamiñadas a que a Xunta facilite a instalación de ascensores
Para garantir a accesibilidade e mobilidade das persoas, o BNG presentou unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión na que insta a Xunta de Galiza a promover os cambios legais necesarios para facilitar a realización das obras necesarias para garantir a accesibilidade nos edificios de vivendas e, en particular, a instalación de ascensores.
Ademais, Jorquera presentou unha batería de preguntas para a resposta oral e escrita co fin de saber se a Xunta é coñecedora das dificultades que existen na Coruña para poder instalar ascensores e da decisión do Goberno do Sr. Negreira de suspender a tramitación das solicitudes de expropiación forzosa. Tamén se interesa en saber se está de acordo a Xunta en que a solución é a modificación da Lei da Vivenda, se se dirixiu o Goberno local á Xunta para solicitarlle esa modificación, se vai promover a Xunta os cambios legais precisos para facilitar a instalación de ascensores e se vai contemplar, neste sentido, unha modificación da Lei de Vivenda.
O Goberno local botounos abaixo o ascensor primeiro porque era pequeno e cando presentamos o proxecto dun ascensor máis amplo botóunolo abaixo por presuntamente incumprir a lei estatal
César Maroño, de 80 anos, que vai ser operado do xeonllo e que vive nun terceiro andar dun edificio sen ascensor, informou os medios na rolda de prensa de que nun primeiro momento o Goberno local lles botou abaixo o proxecto do elevador por ser pequeno e non garantir a mobilidade estaba contemplado de dúas prazas. Porén, cando a veciñanza presentou o proxecto dun elevador máis amplo, no que collería unha cadeira de rodas, o Goberno do Sr. Negreira volveullo rexeitar por, presuntamente, non permitilo a lei estatal. Esta situación foi cualificada por Jorquera como o colmo do absurdo.
Tamén deu a súa impresión a veciña Mercedes Raposo, que contou como veciños e veciñas maiores ou con problemas de mobilidade reducen ao imprescindíbel as saídas á rúa para non ter que baixar tantos chanzos de escaleiras.