O BNG presenta reclamacións ás ordenanzas fiscais en base ao criterio da xustiza social

O BNG presenta reclamacións ás ordenanzas fiscais en base ao criterio da xustiza social

xoseA Coruña, 26 de novembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, presentou en rolda de prensa o conxunto de reclamacións á proposta de ordenanzas fiscais de 2014, que foron aprobadas inicialmente na sesión plenaria de outubro co voto en contra do BNG. O nacionalista explicou que as reclamacións teñen como finalidades básicas evitar que se pague por servizos polos que antes non se pagaba ou se pagaba menos; a pagar en función da capacidade económica das persoas contribuíntes e mais a pagar polo servizo realmente recibido.

Así, Carril enmarcou as reclamacións presentadas polo BNG ás ordenanzas fiscais en tres grandes grupos:

O BNG reclama para evitar que a cidadanía pague por servizos polos que antes non pagaba ou pagaba menos

Co fin de evitar que a cidadanía pague por servizos polos que antes non pagaba ou pagaba menos, o BNG esixe nunha das reclamacións que se supriman todas as propostas de modificación presentadas polo Goberno do Sr. Negreira, de xeito que estas ordenanzas se manteñan tal e como estaban antes co fin de garantir a súa conxelación. É o caso da ordenanza fiscal número 1, reguladora da taxa por tramitación ou expedición de documentos administrativos; da ordenanza fiscal número 9, reguladora da taxa de cemiterios municipais, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres; da ordenanza fiscal número 13, reguladora da taxa polo outorgamento de licenzas e autorizacións administrativas de servizos urbanos de transporte e da ordenanza fiscal número 15, reguladora da taxa por prestación de servizos en instalacións deportivas.

Neste mesmo grupo, tería cabida a reclamación contra a ordenanza fiscal número 12, reguladora da taxa polo outorgamento de licenzas ou autorizacións para industrias de rúa e ambulantes, que pide que se eliminen as novas tarifas para os decomisos. Carril expuxo que estas tarifas, que o Goberno do Sr. Negreira pretende xustificar na necesidade de contar con ingresos para cubrir os gastos derivados dos decomisos e do seu depósito, non van resolver hipotéticos problemas de loxística municipal que antes non existían. Sinalou que estas tarifas van agravar, aínda moito máis, a pobreza e a exclusión social daqueles sectores e colectivos máis vulnerábeis. Estas tarifas, salientou, supoñen realmente máis unha condena sobre estes colectivos que un medio de ingreso para financiar problemas de dependencias municipais inexistentes.

O BNG reclama para que os contribuíntes paguen en función da súa capacidade económica

O segundo grupo, apuntou Carril, incluiría as catro reclamacións presentadas polo BNG á ordenanza fiscal número 51, reguladora do Imposto municipal sobre Bens Inmobles (IBI), presentadas coa finalidade de que o contribuínte pague en función da súa capacidade económica. Carril explicou que o IBI (coñecida como Contribución) non se determina en función da capacidade económica de cadaquén, xa que se paga en función do que unha persoa posúe. Isto non impide, expuxo, que se estabelezan bonificacións expresamente recollidas na lei nin que o Concello estabeleza un sistema de axudas.

Así, nunha das reclamación, o BNG pide que se estabeleza un sistema municipal de axudas que permita o abono dunha cantidade de igual valor á cantidade que deberían pagar en concepto deste imposto no caso de non superar o 60% do IPREM. Carril apuntou ao respecto que desde o ámbito da fiscalidade municipal cómpre aplicar criterios de xustiza social que axuden os colectivos máis castigados pola crise.

Noutra reclamación, unha constante do BNG nos últimos anos, as nacionalistas solicitan a bonificación máxima para familias numerosas (aquelas unidades determinadas non só polo seu número de persoas, senón tamén polas persoas con algún grao de discapacidade).

Ademais, o BNG reclama que se estabeleza un sistema de axudas que chegue ao 90% do pago do IBI para aqueles estabelecementos comerciais e de hostalaría afectados por obras municipais superiores aos 9 meses, como no caso da rúa da Gaiteira.

Noutra das reclamacións, o BNG pide que o tipo impositivo do IBI se deixe no 0,5454 para evitar a posíbel suba do tipo impositivo ao 0,66 pola entrada en vigor da Lei 16/2013, de 29 de outubro.

Ademais, neste segundo grupo, enmarcaríase a reclamación do BNG á ordenanza fiscal número 52, reguladora do imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica co fin de que estabeleza un sistema municipal de axudas que permita o abono dunha cantidade de igual valor á cantidade que deberían pagar en concepto deste imposto no caso de non superar o 60% do IPREM. Deste xeito, o contribuínte pagaría en función da súa capacidade económica.

O BNG reclama para que a cidadanía pague polo servizo realmente recibido

E, por último, co fin de que a cidadanía pague polo servizo realmente recibido, o BNG presentou máis de 300 reclamacións á ordenanza fiscal nº6, reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento do lixo e residuos urbanos.

Nestas reclamacións, o BNG pide que se proceda á revisión desta ordenanza en función do tratamento real e efectivo actualmente existente do lixo e dos residuos urbanos e que se elabore unha nova memoria económica-financeira que repare sobre o custo da actividade do tratamento do lixo e que xustifique a contía da taxa proposta segundo o grao de tratamento realmente efectivo do lixo.

 

O BNG presenta reclamacións ás ordenanzas fiscais en base ao criterio da xustiza social