O BNG denuncia no Congreso a desproporcionada carga da policía contra afeccionad@s do Deportivo

Así ficou un seareiro do Deportivo tras ser golpeado pola policía
O BNG denuncia no Congreso a desproporcionada carga da policía contra afeccionad@s do Deportivo

Así ficou un seareiro do Deportivo tras ser golpeado pola policía

A Coruña, 25 de novembro de 2013.- A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou no día de hoxe unha batería de preguntas para a resposta escrita en que denuncia a desproporcionada carga policial ao rematar o partido de fútbol entre a Ponferradina e o Deportivo, no estadio de El Toralín. A nacionalista pregúntalle ao Ministerio do Interior como xustifica que a policía actuara con tal agresividade cando non se produciron incidentes ningúns nin durante o partido, onde ambas as afeccións mantiveron un comportamento exemplar, como ao remate.

Ademais, Rosana Pérez pregúntalle ao Ministerio do Interior se vai abrir algunha investigación sobre unha actitude policial fóra de lugar e sen ningún tipo de contemplación contra os afeccionados e se vai dar instrucións para acabar con esta agresividade desproporcionada e con estas cargas. Tamén se interesa a deputada do BNG por saber como explica o Ministerio do Interior o incremento da agresividade da policía nacional nos eventos deportivos, en manifestacións ou concentracións.

Na exposición de motivos desta iniciativa, o BNG explica que ao concluír o encontro, unha decena de seareiros saltaron ao campo sen que se producira inciidente ningún. A afección, sinala a deputada nacionalista, demorouse na súa saída e a policía acordoou a zona de saída para guiar os seareiros cara ás portas. Foi nese momento, apunta, cando, sen vir ao caso, os xentes comezaron a empurrar os peñistas do Deportivo e a apremialos para que desaloxasen o estadio. Amais de empurróns, a policía propinoulle golpes aos afeccionados.

Moitas persoas, indica Rosana Pérez, foron testemuñas dunha actuación policial desproporcionada e cunha violencia inusitada. Algúns dos afeccionados pediron explicacións e a policía respondeu de moi malos modos e con insultos, obrigando os afeccionados a identificarse, expón. Engade que, sen mediar máis palabras, os axentes comezaron a cargar de xeito indiscriminado contra a afección. Dado que os sucesos tiveron lugar nas gradas elevadas do estadios, os golpes provocaron estampidas que deron lugar a que moitas persoas caeran polas escaleiras, denuncia. O resultado, salienta a deputada do BNG, foron persoas con contusións no corpo provocados polos porrazos, as caídas e as retencións no chan entre as pernas dos axentes, e mesmo unha persoa, como mínimo, detida en dependencias policiais.

 

O BNG denuncia no Congreso a desproporcionada carga da policía contra afeccionad@s do Deportivo