O BNG presenta unha moción para que o Concello se persone contra Paco Vázquez polo caso Someso
A Coruña, 4 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá unha moción para o seu debate no Pleno ordinario que terá lugar este luns na que reclama que o Concello se persone como acusación particular no procedemento abreviado número 4918/2011, que segue no Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, contra o ex-alcalde Francisco Vázquez, polas súas actuacións en Someso.
Ademais, o BNG instará o Concello a executar debidamente a moción aprobada por unanimidade polo Pleno na súa sesión do día 16 de xaneiro de 2012 en canto a que «dirima as responsabilidades das persoas que interviron nas irregularidades urbanísticas que obrigaron ao Concello a pagar indemnizacións superiores aos 8 millóns, para que os cidadáns saiban o que pasou e os nomes dos causantes, e evitar así, no futuro, que se poidan volver a producir irregularidades que orixinen indemnizacións millonarias a conta do diñeiro de todos os coruñeses».
A depuración de todas as responsabilidades legais polas irregularidades en Someso esixe o persoamento do Concello da Coruña como acusación particular
Carril expón na moción que logo de que o Xulgado de Instrución número 3 da Coruña abrira dilixencias penais contra o ex alcalde Francisco Vázquez por supostas irregularidades cometidas durante o seu mandato cos terreos de Someso, o Grupo Municipal do BNG considera que se o Goberno do Partido Popular ten interese en depurar todas as responsabilidades legais polas irregularidades evidenciadas no informe municipal elaborado para tales efectos debería de persoarse como acusación particular no procedemento abreviado número 4918/2011 contra o exalcalde Francisco Vázquez. E debe facelo especialmente despois de ter presentado un escrito no Ministerio Fiscal por entender que había indicios de delito, que foi rexeitado lémbrese por presentarse incorrectamente do punto de vista legal (por non tipificar os delitos asociados e por non concretar as persoas responsábeis), engade.
O portavoz do BNG no Concello da Coruña sinala que o Goberno do Sr. Negreira non pode limitar a súa actuación a remitir toda a documentación requirida polo Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, que é, como ben se sabe, unha obriga legal derivada do cumprimento do seu deber inescusábel de colaborar coa Xustiza. Alegar para non personarse como acusación particular que non convén facer xuízos precipitados non casa de ningunha maneira coas conclusións claras e contundentes do informe municipal a respecto das irregularidades cometidas en Someso, alén de poñer de manifesto de novo que o Goberno do Sr. Negreira estaría máis interesado en protexer os intereses do ex alcalde e das grandes construtoras beneficiadas de tales irregularidades que en protexer os intereses xerais e patrimoniais da cidadanía e do Concello da Coruña, advirte.
Ademais, Carril pon de manifesto que o Goberno municipal non pode argumentar para evitar personarse que o Ministerio Fiscal ten procedido ao arquivo das actuacións promovidas neste sentido polo Concello da Coruña, na medida en que o Ministerio Fiscal pon de manifesto que o Goberno municipal só puxo os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal sen tipificar os delitos asociados e sen concretar as persoas responsábeis («examinado dichos informes, y de la documentación que con ellos se acompañan, se puede comprobar cómo en los mismos no se hace referencia a hechos concretos y no se realiza imputación penal alguna»). Precisamente por isto, o propio Ministerio Fiscal conclúe no seu Decreto de 4 de febreiro de 2013 que o arquivo e devolución das actuacións ao Concello da Coruña faise «sin perjuicio de que dicho Ayuntamiento pueda acudir a la vía jurisdiccional correspondiente para hacer valer sus pretensiones».
O portavoz nacionalista advirte na moción de que o Concello está obrigado á defensa dos seus bens de dereitos así como, no seu caso, á obriga de persecución de delitos. O personamento do Concello no procedemento penal que se segue no Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, e con independencia do exercicio de accións noutros ámbitos (administrativo, civil ou de responsabilidade contábel), resulta necesario a fin de depurar as eventuais responsabilidades penais nas que puideran ter incorrido as persoas que interviron en actuacións que, como as de Someso, supuxeron e están a supoñer un grave quebranto na facenda e patrimonio municipais, sinala. Eventuais responsabilidades penais que poderían ter concorrido na persoa do exalcalde así como tamén en outras persoas intervintes nas actuacións de Someso e que resultaron notoriamente (e ilegalmente) beneficiadas das mesmas, tal e como se acredita no informe municipal de 15 de xuño de 2012, conclúe Carril.