Paulo Carballada: O PP celebra o tiro de graza que lle pega aos camiños de ferro
A Coruña, 4 de maio de 2013.- O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, cualifica de vergoñento e inadmisíbel o acto oficial de conmemoración do centenario da chegada do tren á liña Ferrol-Betanzos, un acto que protagonizará a ministra de Fomento, Ana Pastor, que aprobou unha drástica redución de servizos e frecuencias que empeora a xa de seu preocupante situación dos camiños de ferro da nosa comarca.
Os actos suntuosos que terán lugar mañá, domingo, e no que a ministra de Fomento, acompañada de cargos institucionais do Partido Popular descubrirá placas conmemorativas ao largo do traxecto Ferrol-Betanzos, contrastan co tesoirazo e coa privatización á que o PP somete o ferrocarril. Así, Carballada critica que o Goberno central e os Gobernos municipais do PP celebren o tiro de graza que lles pegan aos camiños de ferro co plan de supresión de estacións e coa redución dos servizos a unha única parada por sentido e día nas estacións de Cambre, Cecebre, Cesuras ou Oza dos Ríos.
No canto de apostar por aumentar as frecuencias, adecuar horarios e crear novos servizos, o PP fai todo o contrario: optar por que a pouca xente que aínda usa o tren deixe de facelo e renunciar a atraer novas usuarias. Nas condicións económicas actuais, un ferrocarril público con prezos asequíbeis axudaría a garantir o dereito á mobilidade a moitas persoas que, por razón dos seus ingresos, ven ese dereito gravemente limitado, sinala Carballada.
Precisamente, o BNG leva ao Pleno municipal do Concello da Coruña unha moción, elaborada conxuntamente coa Sección Ferroviaria da CGT, para a protección e o desenvolvemento do transporte ferroviario desde A Coruña. As nacionalistas reclamarán que o Concello da Coruña loite por un transporte ferroviario colectivo, público e eficaz, onde as traballadoras teñan unhas condicións de traballo dignas e onde a sociedade poida gozar dun servizo ferroviario que de calidade e que garanta a seguridade. Instarase, así, as direccións técnicas e políticas ao mantemento dun servizo público, seguro, social e efectivo.