O BNG pregunta por que non se colocou unha sebe no corredor de Novo Mesoiro

Acceso ao garaxe do edificio Fragas do Eume
O BNG pregunta por que non se colocou unha sebe no corredor de Novo Mesoiro

A Coruña, 5 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá varias preguntas para a súa resposta por escrito relativas a un rogo presentado polas nacionalistas en setembro e que non foi atendido relacionado coa colocación dunha sebe no corredor do barrio de Novo Mesoiro que hai poucas datas se rematou de construír.

O BNG rexistrou unha batería de preguntas ao non se lle atender un rogo presentado en setembro a respecto da colocación dunha sebe no corredor de Novo Mesoiro

E é que o BNG solicitou, no mes de setembro, mediante un rogo, que o Goberno municipal instara á empresa que estaba realizando as obras de acondicionamento e urbanización da chamada “H” entre as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra no barrio de Novo Mesoiro, a colocar unha separación integrada e harmónica ao conxunto, a ser posíbel empregando principalmente elementos de xardinería coma puideran ser unha sebe de buxos ou tuias, no acceso para vehículos á entrada do garaxe do edificio da rúa Fragas do Eume núm. 16-18-20.

As nacionalistas presentaron un rogo en setembro advertindo que a colocación desta sebe era unha demanda da veciñanza e estaba incluído como cláusula no acordo de cesión das comunidades para o acondicionamento do corredor entre as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra

Acceso ao garaxe do edificio Fragas do Eume

Este rogo recollía así, segundo o Bloque,  a demanda da veciñanza do barrio e dábase cumprimento ao acordo de cesión das comunidades de propietarios destes edificios que incluían unha cláusula pola cal na obra de adecuación e urbanización na que se cedían parte da propiedade para uso público se debía habilitar unha separación física, dada a singularidade da entrada común ao garaxe desta edificación, e ao non existir unha distinción en superficie entre a circulación viaria para vehículos e a nova zona que se habilitaba para uso xeral de peóns.

Porén, e unha vez rematada a obra de acondicionamento, destacan as nacionalistas, a actuación solicitada non foi tida en conta, deixando ambas superficies, a de tráfico rodado e a de uso para peóns, ao mesmo nivel e sen a separación, significando isto un evidente risco futuro e incumpríndose o acordo das comunidades dos portais da rúa Fragas do Eume.

Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se deu traslado do rogo rexistrado á empresa que realizou as obras de acondicionamento do corredor e, se non llo deu, solicítalle que expliquen as causa de por que non o fixo. Por outra banda, se o Goberno municipal si  lle fixo traslado da súa solicitude á empresa que realizou as obras, o BNG quere saber por que non se realizou a actuación solicitada e se o Goberno municipal demandará explicacións á empresa.

“En todo caso, ante o evidente risco que supón manter este acceso para vehículos sen unha separación coa zona para peóns ademais de incumprir o acordo de cesión aprobado polas comunidades de propietarios destes edificios, queremos saber se o Goberno municipal ten pensado realizar algunha actuación para corrixir esta situación e en que prazos”, conclúen as nacionalistas.

 

Documentos (preme enriba):

 

O BNG pregunta por que non se colocou unha sebe no corredor de Novo Mesoiro